venres, 26 de decembro de 2014

Recensión de Hostal Norte en Kindlegarten

Tras a primeira recensión que apareceu no 'Caderno da Crítica' de Ramón Nicolás, hoxe temos a posibilidade de ler unha completa análise na web literaria Kindlegarten.es. Como xa é habitual, a achega que fai Tomás ao meu texto é profunda e chea de información engadida que consegue aportar unha visión plena de matices. Non me vou estender máis porque o realmente importante está nas palabras de Tomás. Aquí tedes o enlace:

Recensión de Hostal Norte en KindleGarten 

xoves, 18 de decembro de 2014

Caderno da Crítica, o curruncho máxico de Ramón Nicolás

'Caderno da Crítica' é un blog co que xa tivera contacto no pasado, grazas á publicación nel do 'Taboleiro do libro galego' e á inmensa sorte de aparecer en dito taboleiro coas Crónicas de Bran.

Desde esas aparicións fortuítas, tiven o costume de consultar as entradas que diariamente publica Ramón Nicolás no seu espazo na rede e gozar, sobre todo, coas recensións e os cuestionarios. Cuestionarios Proust, chámanlle. E o certo é que esa mesma e constante secuencia de preguntas formuladas a diferentes persoas ten o seu aquel e chega a engancharnos co seu uso e lectura. Cando xa coñecemos de memoria as cuestións a plantexar ao suxeito, agardamos pola resposta sen sequera ler a pregunta, ansiosos por ver que contestará.

Pois ben, hoxe tiven o pracer de enfrontarme a esas preguntas que, a priori, poderían parecer moi sinxelas mais que, se un se detén a responder con sinceridade, conseguen facernos dubidar até de nós mesmos.

Por certo, aproveito que deixo a ligazón ao Proust e poño a da recensión (feita tamén por Ramón Nicolás) de Hostal Norte e así deixo constancia nesta miña bitácora particular.






luns, 8 de decembro de 2014

Culturgal 2014

Outra ocasión máis para nos achegar á feira da cultura galega con máis repercusión mediática do ano. Desta volta, levamos o noso Hostal Norte baixo o brazo e a xente de Urco Editora colocouno nun stand espectacular, rodeado de todas as novidades e o fondo, cada vez máis extenso, da literatura fantástica que editan tanto Urco como Contos Estraños.

Este ano tiñamos o firme propósito de pasar aló o maior tempo posible e, por ese motivo, estivemos musculando as pernas, e fastidiando o lombo, o Sábado pola tarde e o Domingo todo o día. Ben é certo que tivemos que nos enfrontar a diversos factores que, a priori, poderían parecer perxudiciais para contar con unha boa afluencia de xente. Era a primeira vez que o Culturgal cobraba a entrada e a ponte festiva tamén mermou un chisco a cantidade de visitantes. En canto ao asunto do cobro, ben, si que había menos xente que o ano pasado pero tamén nos aseguraba que, os que entrasen, facíano con unha intención real en pasar polos stands para se informar e, en moitos casos, facerse con un ou varios libros.
Entramos no Culturgal o Sábado ao redor da unha do mediodía e puxémonos a charlar con todo o equipo de Urco e Contos que, ao longo de estes anos, chegaron a converterse en verdadeiros camaradas e amigos. Non deu tempo para moito máis xa que tiñamos a nosa particular xuntanza gastronómica na que, ademais dos editores, participamos nós, José María Picón e Maruxa Martínez. Despois de dar boa conta do polbo con cachelos, dos calamares, da tortilla, do xamón asado, dos postres caseiros e do café de pota e o licor café... volvimos ao stand onde estivemos explicando, a todos os que se interesaban pola literatura fantástica, de que trataba esta novela curta de terror titulada 'Hostal Norte'. Foi unha tarde productiva na que despachamos bastantes exemplares e na que case non houbo nin tempo de botar un cigarro. Nesa xornada coñecimos ao gran Ramón Caride que viña falar do seu 'Flash-Black 13' e compartimos stand con César Ariza, Vanesa Santiago e Jorge Emilio Bóveda que se achegaron a asinar os seus libros, tamén editados en Urco.
O Domingo xa aterramos pola mañá cedo, cos nervios da presentación que estaba programada para primeira hora da tarde, e ocupamos de novo o noso lugar a carón da novela. Foi un día longo, non saímos do recinto nin para comer (papamos unha burguer pola que agardamos máis de unha hora), e tocounos facer o noso 'show' ás 16:15 cando aínda non había moita xente.



Repetimos a fórmula que xa empregáramos na Libraría Suévia e David Cortizo exerceu de presentador e entrevistador. Penso que estivemos máis relaxados, dimos boa conta das preguntas que nos ía formulando e logramos facer pasar un bo rato aos que se decidiron a 'padecer' da nosa exposición. Ao final da presentación tivemos a sorte de que algúns dos asistentes se animasen a facer as súas propias preguntas e así falar de máis cousas que da propia novela: futuros proxectos, o que nos motiva e motivou a comezar a escribir...
Pola nosa banda, o resultado non puido ser mellor e acabamos con todos os exemplares d'As Crónicas de Bran volume 1 (grazas ao apoio de Modesto d'A lus do candil de Arteixo e á súa colaboración na constitución de un clube de lectura na súa vila), vendéronse bastantes do segundo volume e case todas as existencias de Hostal Norte caeron nas mans de lectores que, ademais de mercalo, nos deixaron charlar (máis da conta) con eles para lles contar algún dos segredos do noso hostal. Coñecín, ademais, a Ramón Nicolás (que viña de escribir o Sábado unha fantástica reseña da novela no seu blogue 'Caderno da Critica'), a Fernando Miranda, a Manuel L. Rodríguez, á xente de 'Vivir na Coruña' e volvín coincidir con Ariel Martínez. Que máis se pode pedir...
Non me queda máis que dar as grazas a todos e cada un dos que malgastaron un anaco da súa visita en me deixar falar do que fago, do que teño na miña mente para o futuro próximo e deses fillos marabillosos e malcriados que son os meus libros.

sábado, 29 de novembro de 2014

Primeira presentación de 'Hostal Norte'

Onte, Venres 28, tivemos a primeira presentación oficial da novela curta de terror 'Hostal Norte'. Fixémola na Libraría Suévia, o noso maior aliado na promoción dos meus libros n'A Coruña.
Contei co apoio de David Cortizo (á esquerda da foto), amigo e editor de Urco, e coa compañía de José María Picón (á miña dereita), outro bo amigo e responsable do traballo gráfico que aparece no libro.
Desta volta David puxo en práctica o modelo de presentacións 'entrevistadas' e foi introducindo varias quendas de preguntas e respostas (tanto a min como a Picón) que fixeron máis dinámica e animada a presentación. Falamos de nós, do que nos inspirou a escribir e a debuxar para o noso hostal e do que nos gusta máis como lectores e autores. Ao remate do evento, a gratificante tarefa de asinar exemplares e a retirada para cear en boa compañía unha considerable cantidade de chicharróns, xamón, queixo e callos.
Dentro dunha semana, a segunda presentación no Culturgal.

Edito: grazas ao meu 'compadre' Miguel, contamos cun fragmento de vídeo onde nos podedes ver falando sobre os tramos de idade para a literatura xuvenil, a comprensión lectora e as diferentes percepcións de 'gore' e violencia dos textos de fantasía épica e os de terror ambientados na realidade.


xoves, 20 de novembro de 2014

Abrimos as portas do noso 'hostal'

Pois xa comeza o que tanto agardaba. O libro xa saíu do prelo e vai camiño á distribuidora que, en breve, fará que chegue ás librarías. Arrancamos tamén coas presentacións e a primeira delas será en 8 días, na Libraría Suévia d'A Coruña. Unha semana despois andaremos polo Culturgal (aproveitaremos tamén para promocionar o segundo volume d'As Crónicas de Bran) e faremos unha presentación o Domingo 7 a primeira hora da tarde (aínda por confirmar).

Así que xa hai un novo fillo na familia, un parto imprevisto pero moi desexado, a medio camiño entre o volume dous e o volume final da triloxía que sairá no primeiro trimestre do 2015. Non sabemos até onde nos levará esta nova viaxe pero no horizonte xa temos pendentes un par de paradas, unha para achegar a novela á miña terra e falar dela na Biblioteca de Rianxo e a outra para facer unha visita ao local cultural da nosa amiga Isabel Risco, 'Maquinaria Pesada'.

Para que saibades (só un chisco) de que vai esta novela curta de terror e misterio, aquí deixo a sinopse da contracapa.

"Unha fuxida, ás veces, non é máis que unha carreira frenética que tenta afastarnos de nós mesmos. Sabemos do que queremos escapar mais, case nunca, estamos seguros de até onde nos levará.
Brais marcha da casa dos seus pais e chega ao Hostal Norte, onde o agarda un amigo que prometeu axudalo a comezar unha nova vida. Porén, á súa chegada ao hostal, as cousas torceranse e nada sairá como el esperaba, nada é o que parece ser.
Seis cuartos, seis vidas completamente diferentes que conforman, ao seu xeito, un universo único que, aos poucos, irase apoderando da cordura de Brais. Seis hóspedes que tecerán a arañeira dos recordos que tentou deixar atrás, agochados no fondo da súa mente e que, de deixalos saír, conducirano ao máis horríbel dos destinos"

mércores, 12 de novembro de 2014

Un Novembro frenético

Este mes está a ser un tempo de creacións encontradas. Por unha banda, a vindeira semana xa vai saír do prelo 'Hostal N\orte' e temos dúas presentacións á vista, a finais de mes na Libraría Suévia n'A Coruña e a primeiros de Decembro andaremos polo Culturgal, para tentar achegar o escuro ambiente dos seus cuartos aos posibles lectores. Coincidindo con este desexado acontecemento, din por rematada a revisión de 'Negruña', finalizando o meu proxecto máis ambicioso até a data (tamén o de maior extensión) e coa posibilidade no horizonte de que sexa publicada aló polo 2016 (ás veces dá medo pensar canto tempo pasa desde que se remata de escribir unha historia e esta ve a luz). Por se isto non fose dabondo, estamos mergullados no deseño gráfico (capa e ilustracións interiores con José María Picón e José Ángel Ares respectivamente) do que será o último volume d'As Crónicas de Bran e que significará a fin desa aventura de fantasía que principiei nunha afastada primavera de 2012. E, como sempre hai un oco para algo máis, a idea básica dunha nova novela agroma no meu maxín, enchéndoo de historias, personaxes e dramas, todo mesturado nun escenario imposible e horrible. Oxalá todos os meses fosen así...

sábado, 1 de novembro de 2014

Samaín 2014

Esta era a pinta que tiña eu ao chegar.


Un ano máis, e xa comeza a ser tradición, tiven a sorte de poder escribir e ler un relato de terror para un serán de Samaín, na festa organizada pola Plataforma para a Defensa da Ría de Betanzos e Sada no Sada Coffee 7. Desta volta participei xunto con Xosé Iglesias, un mariñeiro-poeta ou un poeta-mariñeiro que nos achegou a emoción e o sentimento do mar e co que coincidíramos hai máis de un ano n'Á lus do Cándil en Arteixo. Aló nos agardaban Isabel Risco e Vanesa Santiago que xa estaban organizando o proxector, o son, as rifas dunha cesta de magosto e todo o necesario para que a noite fose máis do que prometía. E o certo é que o evento non defraudou en absoluto. Tivemos bastantes asistentes malia ter que competir co Depor que acabou perdendo 1 a 2...




Comezou Xosé Iglesias amosándonos na pantalla xigante os videos e as fotos que saca cando vai ao mar. Falounos das súas vivencias como pescador e dos catro anos que pasou no Gran Sol, contándonos de primeira man como é o día a día en alta mar e compartindo con nós algunhas das súas poesías do seu libro 'Transfusión Oceánica'.




Tras o recital poético, tocoume a min e, despois da presentación de Isabel, subín á mesa. Tivemos un pequeno problema coas páxinas do meu relato mais, grazas a que Vanesa contaba cunha copia numerada, logramos vencer o desafío de atoparlle xeito ás miñas follas e comezamos coa lectura. Foi curta e intensa, con Vanesa a cargo dos efectos de son (a complicada tarefa de interpretar os pasos da araña xigante e o seu 'ris, ras' rubindo pola saba do leito) e Isabel interpretando o papel de Maruxa, a muller do atormentado protagonista do conto.
Despois de martirizar á audiencia do garito coas miñas palabras distorsionadas polo achegamento do micro á boca, como se pode observar na imaxe, Fernando Morán dispúxose a preparar unha fantástica queimada, aderezada con café e limón, na mesma mesa na que sentabamos minutos antes.


Á vez que prendía o máxico lume do alcol, Isabel fixo aparición, percorrendo o Sada Coffee 7 de cabo a rabo e levando a todos os asistentes desde as mesas e a barra até o caldeiro ardente ao berro de 'Lume!"

Como podedes ver, un Samaín como debe ser. Nada de tradicións de 'All hallows Eve' nin de parafernalias yankies. Un bo serán magosteiro en compaña de amigos como Tomás Rivera de KindleGarten que se deixou caer por aló.

xoves, 30 de outubro de 2014

Serán-Magosto-Samaín 2014

Mañá, Venres 31 de Outubro, lerei un relato curto de terror na festa de Samaín organizada pola Plataforma en Defensa da Ría de Betanzos e Sada. Comezaremos ás 20:30, aínda que na promo estea convocado para ás 20:00. O primeiro en intervir será Xosé Iglesias, un mariñeiro que fai arte de cada unha das súas saídas ao mar. Eu irei en segundo lugar e, ademais de falar sobre calquera cousa que se me pase pola cabeza, farei a lectura do meu relato no que contarei coa participación de Isabel Risco para interpretar a última frase da miña terrorífica historia. Por último, contamos con que a propia Isabel nos faga pasar un moi bo rato con algunha das súas interpretacións teatrais. Despois das nosas actuacións, a festa continuará até que aguantemos...

Mañá, no Sada Coffee 7.

luns, 20 de outubro de 2014

Nos manuscritos de 'Caderno da Crítica'

Hoxe é un día moi especial. Despois de case dous anos de traballo neste mundo da escrita, teño o pracer de aparecer nun dos mellores blogues de crítica literaria. Ben é certo que xa me adicaran un espazo en 'Kindlegarten' e en 'Los relatos de Patri' onde contei cunhas fantásticas reseñas dos dous primeiros volumes d'As Crónicas e até tiven unha completa entrevista elaborada por Patricia Mariño e algúns reporteiros "espontáneos" que me formularon as máis variadas, interesantes e simpáticas preguntas mais, debo recoñecer, aparecer nun dos blogues que repasa a actualidade diaria da literatura galega actual é algo polo que devecía desde hai tempo. No 2013 xa fixera unha pequena e esporádica aparición na sección que Ramón Nicolás elabora, xunto con un grupo de librarías, para informar dos libros máis vendidos e aí upárase 'A revolta dos mestres' desde o quinto posta até acadar a primeira posición. Desta volta, Ramón deume a oportunidade de amosar as anotacións e esquemas que vou escribindo no meu pequeno bloc e que me axudan a preparar o traballo previo á escrita. Neste artigo poderedes atopar pequenos resumes, debuxos e diagramas de fluxo que definen a liña argumental dos capítulos que, posteriormente, transcribo no portátil.

Ligazón a 'Caderno da Crítica':

luns, 13 de outubro de 2014

Preparando a inauguración do noso hostal

Ben, pois xa estamos a rematar o traballo previo á publicación da novela. Temos o texto revisado, as ilustracións interiores feitas e xa está o artistazo gráfico a preparar a montaxe fotográfica para a cuberta. Se todo vai como debe, para primeiros do vindeiro mes xa estará saíndo do prelo. Unha vez que a teñamos en soporte físico, daráselle vía libre para que chegue ás librarías e faremos dúas presentacións: a finais de Novembro na Libraría Suévia d'A Coruña e a primeira fin de semana de Decembro no Culturgal. Como sempre, a impaciencia dun pai fai que o tempo pase moi lento e non me dea chegado o día... Mentres tanto, aquí deixo unha páxina das notas que fun tomando antes de comezar a escribila. O esquema das plantas do hostal e os seus inquilinos. Xa queda pouco para a inauguración do Hostal N\orte.


luns, 22 de setembro de 2014

Segunda publicación para este ano

A semana pasada acabo de asinar o contrato de edición do que será a miña segunda publicación de este ano despois do segundo volume d'As Crónicas de Bran. Nesta ocasión trátase dunha novela curta de terror que mistura capítulos oníricos coa desacougante realidade que vive o protagonista da historia. Non podo negar a influencia, unha máis vez, do mestre Poe neste conto que ten lugar nun vello hostal mais, se houbo algo que determinou o ambiente psicodélico do texto foi a novela "Entre los muertos" do escritor estadounidense Edward Bryant que tiven a sorte de atopar, nunha libraría da miña aldea, un verán de hai xa trinta anos. Non é un libro longo (como puido ser a triloxía de Bran que se achega ás 1000 páxinas nos seus tres volumes) pero penso que a trama non o precisa xa que, capítulo a capítulo, a novela vai deixando pistas e imaxes ao lector que o conducen ata o desenlace final e que, xusto esa pingueira de claves agochadas, requiren un espazo curto e concreto para non perder ningunha delas de vista. Un mozo que escapa da súa casa, un amigo que o axuda e que non aparece, un hostal no que se refuxia e onde coñecerá aos habitantes das outras cinco habitacións. Cada un dos residentes do hostal é un microuniverso, unha entidade autónoma e illada do resto que ten moito que ver coa memoria, fragmentada e esquecida, do protagonista. Unha fuxida que non é máis que un enclaustramento para non enfrontarse á realidade. Nun par de meses sairá á luz da man de Urco e xa temos reservada unha data para presentala n'A Coruña na Libraría Suévia e, a primeiros de Decembro, iremos ata o Culturgal para promocionala. Por suposto, tan pronto estea en formato 'físico', subirei máis información sobre ela. Espero que guste aos que lle dean unha oportunidade e que a estancia neste escuro hostal logre acelerar o seu pulso e deterlles a respiración.

venres, 29 de agosto de 2014

Comezamos a soñar de novo...

Despois desta morna (e bastante pasada por auga) pausa do mes de Agosto, achégase o intre de volver a escribir. Retomarei o meu proxecto de 'Negruña' dando un gran paso atrás e comezarei a ler o texto que levo escrito desde a páxina 1. O punto onde deixei a trama préstase moito a facer este 'flashback' xa que, tralas 70.000 palabras que van ata o de agora, tódolos personaxes están posicionados nos seus respectivos lugares para afrontaren os capítulos finais sen necesidade de maior complexidade argumental. Ademais, aínda que a historia se comportou de xeito moi coherente desde o seu inicio, aproveitarei para facer algúns cambios en comportamentos e motivacións que se foron enriquecendo co devir da novela. Iso si, teño un desafío persoal por diante. Os últimos capítulos (agás un) estarán ambientados nese futuro próximo desa cidade escura e perversa que é Negruña. Polo de agora, os meus 'test-readers' están máis a favor dos capítulos que acontecen no pasado histórico-fantástico (a Rusia dos anos vinte, A Coruña no século 18, a Segunda Guerra Mundial...) que os que transcorren na noxenta sociedade 'negruñesa'. Así que teño que subir o listón e preparar un final espectacular. Volvemos a escribir, volvemos a soñar...

venres, 25 de xullo de 2014

Feira do libro de Rianxo

Mañá, Sábado 26, terei a honra de participar na Feira do Libro de Rianxo. Pode parecer unha parvada pero me fai sentir feliz. Se un fai balance das cousas boas que están a pasaren nestes dous anos que transcorreron desde que publiquei a primeira parte d'As Crónicas de Bran, sen lugar a dúbidas esta é unha das mellores. Non bateríamos records de vendas, non apareceríamos en ningún blogue de crítica ou recensións literarias mais, que o teu pobo natal conte contigo para presentar o teu libro, é o mellor premio. Así que, mañá, entre a charla na Casa do Concello ás 13:00 horas e participar coa Librería Aenea no seu stand para asinar algún exemplar, vai ser unha boa xornada.

Neste ano tomamos a decisión de só ir ás librarías que nos mostraron apoio incondicional durante todo o ano pasado e nos achegar ó Brea Segade e á Biblioteca de Rianxo. Dentro desta pechada (e moito máis razoable que o ano pasado) xira, tamén temos previsto achegarnos a algunha que outra feira. Esta de Rianxo será a segunda (despois da de Compostela na que formamos parte da 'lexión' de Contos Estraños) e aínda nos quedan dúas citas máis. Pechar o 10 de Agosto a Feira do Libro d'A Coruña (si, estaremos nese miniespectáculo de apariencia que permite o Sr. Negreira para que as festas 'rexionais' teñan o seu oco na miña cidade de acollida) e, seguramente, finalizaremos o ano no Culturgal onde, se todo vai ben, presentarei a miña nova novela de terror.

Espero que nestas citas que nos quedan por diante poida ver caras non coñecidas e atopar novos lectores (que está moi ben ver ós amigos nas presentacións pero, cando ves sempre as mesmas caras, iso da que pensar...)

luns, 28 de abril de 2014

Feira do libro de Compostela

Este Domingo 27 de Abril formamos parte dun novo Encontro de Literatura Fantástica organizado por Contos Estraños e Urco Editora. As dúas editorias presentaron as súas novidades e demostraron que continúan a facer unha labor inmensa por dar saída a todo o que se está a escribir en Galiza nos xéneros da fantasía, o terror e a ciencia ficción. Pola nosa banda, ademais de presentar o segundo volume da triloxía, tivemos a gran sorte de coincidir con novos lectores na caseta de Editores de Compostela. Sempre é unha satisfacción estar presente no momento no que o libro pasa dos andeis ás mans da xente que, en definitiva, é onde desexamos que estea e que lles aporte un chisco de fantasía e maxia ós seus momentos de lectura.


luns, 24 de marzo de 2014

Entrevista de Patricia Mariño

Coa segunda parte ás portas (nunca mellor dito), aquí tedes a recensión do primeiro libro de As Crónicas de Bran e a entrevista que tiven a inmensa sorte de responder á miña boa amiga (e compañeira nesta aventura de contar historias) Patricia Mariño.

Ligazón á entrevista de Patri

martes, 11 de marzo de 2014

E xa apareceu 'A porta de Annwn'

Xusto un ano despois, e coincidindo co meu aniversario, fíxose real o segundo volume da triloxía 'As Crónicas de Bran'. Comezamos do mesmo xeito, con unha presentación para os amigos na Passepartout Beerhouse. Nesta cita falei sobre o que fai diferente este segundo libro, da escuridade que cae sobre as almas dos protagonistas e que os empurra, nunha busca desesperada, a tres viaxes diferentes que rematan nun único punto, no limiar da Porta.

Non sei que é o que nos deparará este ano. Perdín no camiño parte da fe que me enchía o peito no 2013, fe que tiña máis pola emoción de ver o primeiro libro publicado que por outra cousa, mais debo admitir que aínda me encontro con forzas para volver a repetir as viaxes do ano pasado. Volveremos a percorrer Feiras do Libro, librarías, bibliotecas e tentaremos que, os moitos ou poucos que vos crucedes con nós, pasedes un bo rato falando de fantasía, maxia e soños.