Feira do libro de Rianxo

Mañá, Sábado 26, terei a honra de participar na Feira do Libro de Rianxo. Pode parecer unha parvada pero me fai sentir feliz. Se un fai balance das cousas boas que están a pasaren nestes dous anos que transcorreron desde que publiquei a primeira parte d'As Crónicas de Bran, sen lugar a dúbidas esta é unha das mellores. Non bateríamos records de vendas, non apareceríamos en ningún blogue de crítica ou recensións literarias mais, que o teu pobo natal conte contigo para presentar o teu libro, é o mellor premio. Así que, mañá, entre a charla na Casa do Concello ás 13:00 horas e participar coa Librería Aenea no seu stand para asinar algún exemplar, vai ser unha boa xornada.

Neste ano tomamos a decisión de só ir ás librarías que nos mostraron apoio incondicional durante todo o ano pasado e nos achegar ó Brea Segade e á Biblioteca de Rianxo. Dentro desta pechada (e moito máis razoable que o ano pasado) xira, tamén temos previsto achegarnos a algunha que outra feira. Esta de Rianxo será a segunda (despois da de Compostela na que formamos parte da 'lexión' de Contos Estraños) e aínda nos quedan dúas citas máis. Pechar o 10 de Agosto a Feira do Libro d'A Coruña (si, estaremos nese miniespectáculo de apariencia que permite o Sr. Negreira para que as festas 'rexionais' teñan o seu oco na miña cidade de acollida) e, seguramente, finalizaremos o ano no Culturgal onde, se todo vai ben, presentarei a miña nova novela de terror.

Espero que nestas citas que nos quedan por diante poida ver caras non coñecidas e atopar novos lectores (que está moi ben ver ós amigos nas presentacións pero, cando ves sempre as mesmas caras, iso da que pensar...)

Comentarios