Culturgal 2014

Outra ocasión máis para nos achegar á feira da cultura galega con máis repercusión mediática do ano. Desta volta, levamos o noso Hostal Norte baixo o brazo e a xente de Urco Editora colocouno nun stand espectacular, rodeado de todas as novidades e o fondo, cada vez máis extenso, da literatura fantástica que editan tanto Urco como Contos Estraños.

Este ano tiñamos o firme propósito de pasar aló o maior tempo posible e, por ese motivo, estivemos musculando as pernas, e fastidiando o lombo, o Sábado pola tarde e o Domingo todo o día. Ben é certo que tivemos que nos enfrontar a diversos factores que, a priori, poderían parecer perxudiciais para contar con unha boa afluencia de xente. Era a primeira vez que o Culturgal cobraba a entrada e a ponte festiva tamén mermou un chisco a cantidade de visitantes. En canto ao asunto do cobro, ben, si que había menos xente que o ano pasado pero tamén nos aseguraba que, os que entrasen, facíano con unha intención real en pasar polos stands para se informar e, en moitos casos, facerse con un ou varios libros.
Entramos no Culturgal o Sábado ao redor da unha do mediodía e puxémonos a charlar con todo o equipo de Urco e Contos que, ao longo de estes anos, chegaron a converterse en verdadeiros camaradas e amigos. Non deu tempo para moito máis xa que tiñamos a nosa particular xuntanza gastronómica na que, ademais dos editores, participamos nós, José María Picón e Maruxa Martínez. Despois de dar boa conta do polbo con cachelos, dos calamares, da tortilla, do xamón asado, dos postres caseiros e do café de pota e o licor café... volvimos ao stand onde estivemos explicando, a todos os que se interesaban pola literatura fantástica, de que trataba esta novela curta de terror titulada 'Hostal Norte'. Foi unha tarde productiva na que despachamos bastantes exemplares e na que case non houbo nin tempo de botar un cigarro. Nesa xornada coñecimos ao gran Ramón Caride que viña falar do seu 'Flash-Black 13' e compartimos stand con César Ariza, Vanesa Santiago e Jorge Emilio Bóveda que se achegaron a asinar os seus libros, tamén editados en Urco.
O Domingo xa aterramos pola mañá cedo, cos nervios da presentación que estaba programada para primeira hora da tarde, e ocupamos de novo o noso lugar a carón da novela. Foi un día longo, non saímos do recinto nin para comer (papamos unha burguer pola que agardamos máis de unha hora), e tocounos facer o noso 'show' ás 16:15 cando aínda non había moita xente.



Repetimos a fórmula que xa empregáramos na Libraría Suévia e David Cortizo exerceu de presentador e entrevistador. Penso que estivemos máis relaxados, dimos boa conta das preguntas que nos ía formulando e logramos facer pasar un bo rato aos que se decidiron a 'padecer' da nosa exposición. Ao final da presentación tivemos a sorte de que algúns dos asistentes se animasen a facer as súas propias preguntas e así falar de máis cousas que da propia novela: futuros proxectos, o que nos motiva e motivou a comezar a escribir...
Pola nosa banda, o resultado non puido ser mellor e acabamos con todos os exemplares d'As Crónicas de Bran volume 1 (grazas ao apoio de Modesto d'A lus do candil de Arteixo e á súa colaboración na constitución de un clube de lectura na súa vila), vendéronse bastantes do segundo volume e case todas as existencias de Hostal Norte caeron nas mans de lectores que, ademais de mercalo, nos deixaron charlar (máis da conta) con eles para lles contar algún dos segredos do noso hostal. Coñecín, ademais, a Ramón Nicolás (que viña de escribir o Sábado unha fantástica reseña da novela no seu blogue 'Caderno da Critica'), a Fernando Miranda, a Manuel L. Rodríguez, á xente de 'Vivir na Coruña' e volvín coincidir con Ariel Martínez. Que máis se pode pedir...
Non me queda máis que dar as grazas a todos e cada un dos que malgastaron un anaco da súa visita en me deixar falar do que fago, do que teño na miña mente para o futuro próximo e deses fillos marabillosos e malcriados que son os meus libros.

Comentarios