mércores, 25 de febreiro de 2015

Conta atrás: 10 días

Un solpor sempre remata coa luz devorada polo fusco, varrida polas tebras que escorregan alén do firmamento, nesa fervenza infinita que é o Cosmos.
Esa mesma escuridade afoga a alma da Curuxa que, cruzando as brétemas de Annwn, voa até o noso mundo para liberar a Bran do feitizo que o mantén prisioneiro.
Chega o final de unha era, do tempo no que os deuses dominan Alba. Mentres os ríos ardentes caen desde os ceos, e a serra e o mar son devorados polas lumaradas, o espertar dos Cristais decidirá o destino da humanidade.

Chega a hora de deixar paso á escuridade mais, antes de que as tebras asolaguen o mundo, a Terra de Alba vivirá un auténtico inferno. Milleiros de pictos desaparecerán baixo a chuvia de lume do Destrutor, dese inmenso navío creado polo Mestre Reloxeiro. Se a morte é o noso único destino, tentemos chegar a el sen padecer máis dor da que poidamos soportar.

'O solpor dos deuses' - As Crónicas de Bran vol.3


Ningún comentario:

Publicar un comentario