venres, 27 de febreiro de 2015

Conta atrás: oito días

Pasaron oitos meses desde que actualicei por última vez o blogue d'As Crónicas de Bran. Oito meses é moito tempo e, aínda que non dou co verdadeiro motivo, seguro que algo pasou pola miña cabeza para que o deixase tanto tempo de lado. Ben, o feito, feito está e xa non se pode volver atrás. Aínda así, sinto que lle debo unha desculpa e vou transcribir aquí (neste meu novo e tamén mal atendido sitio) o que nel escribín:

Somos animais de costumes e faremos a presentación do terceiro libro como ven sendo habitual: no aniversario de Duncan e no bar de un amigo. Repetiremos a festa do ano pasado e será no Passepartout Beerhouse d'A Coruña o Sábado 7 de Marzo ás 20:30. Xa preparamos a música que poñeremos de fondo (tamén repetiremos o disco 'Avalon' de Sully Erna para crear ambiente) e, xa postos a repetirnos, Leo preparará a súa famosa e deliciosa tarta de Guinnes.

Xa non queda nada para telo nas mans. Quedará un pouco máis para que vexa os andeis das librarías porque, se acontece o de anos anteriores, pasará un mes e medio antes de que o Consorcio o poña en distribución. Mais só desexamos que, aqueles poucos e poucas que agardades a súa chegada, non vos sintades decepcionados con este derradeiro tramo da nosa viaxe e que gocedes tanto como nós o fixemos. Que gocedes con esta aventura que, ao tonto, estendeuse por máis de dous anos desde que se comezou a escribir 'A revolta dos Mestres'.

Pasaron moitas cousas desde aquela primavera do 2012 na que se teclearon as primeiras frases da triloxía. Moito traballo "artístico" de creación de textos e ilustracións, moitas reunións para poñer en orde o material, ducias de presentacións e asistencias a Feiras do Libro (sobre todo o primeiro ano, aquel frenético 2013) e, por descontado, centos de horas para escribir ese case milleiro de páxinas que compoñen as Crónicas.

Chega o que é o máis escuro e triste dos tres libros. 'O Solpor dos Deuses' é o final da triloxía, si, mais tamén é o destino polo que loitaron os nosos protagonistas. Neste volume fálase da sorte que correu o Mestre Reloxeiro na súa Lúa Metálica (nese maquiavélico Artefacto de Cronos) e que maldades está a argallar a súa mente atormentada. Asistiremos ao remate desa estraña alianza formada polo Solla e por Bran e, desde un lugar privilexiado, contemplaremos a decadente civilización rexida pola Sacerdotisa e o seu amante, ese Dragón Vermello cada vez máis humano. Tampouco faltarán a esta cita os deuses que nos acompañaron desde o principio. Donn terá que enfrontarse á profecía que adiantaba a súa morte baixo as escuras ás dun paxaro de morte e Môrrigan non acaba de atoparse cómoda (nin realizada) no seu papel de deusa da guerra. Curuxa, o Navegante, Patrick... vellos coñecidos que nos mergullarán en violentas batallas contra o exército de mecanos de Cronos e contra as tropas da Terra da Nada, comandadas de novo por Lord Daru. Hai moito máis dentro das súas páxinas pero iso será algo que vos toca descubrir a vós.

Así que xa está. Só nos queda tomar aire e pararnos a pensar. Pensar se este ano volveremos encher a axenda con presentacións e visitas ás librarías e ás feiras, se aínda temos forzas para darlle a despedida que merece a esta historia que encheu os nosos soños durante case tres anos. Se as temos e vós queredes, verémonos no camiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario