Biblioteca Duncan




Nesta páxina terá lugar un experimento social-literario marabilloso (ou, cando menos, curioso). Ao xeito dos grandes Radiohead e o seu 'In rainbows', que foi un dos primeiros albumes no formato de descarga 'paga o que ti queiras', irei posteando algunhas das novelas que escribín durante estes anos (desde o 2012 até o actual). Por seguir unha orde cronolóxica (e porque hai xente que me recomendou que non faga o que teño/tiña pensado facer), comezarei coa triloxía de 'As Crónicas de Bran'. Deixo aquí o directo que estes fenómenos fixeron do 'In rainbows' antes de meterme en materia...


As Crónicas de Bran

Para quen non o saiba, As Crónicas de Bran foron a primeira triloxía de fantasía épica publicada (completa) en galego. É, talvez, a miña obra máis xuvenil. Gusto de pensar, ou crer, que está a medio camiño da fantasía de Margaret Weis e da obra monumental do inmenso Michael Moorcock. Tamén é certo que ten moitos elementos do Wicca e das paisaxes da miña Taragoña natal, que van gañando importancia no segundo e, sobre todo, no terceiro libro. Do que si estou convencido é de que é unha historia en tres actos que, malia o seu escenario fantástico e botar man de druídas e dragóns, afonda na natureza humana e nos medos, desexos e demais paranoias que, ao final, constitúen un vieiro común en todas as miñas novelas.

Comezamos este mes co primeiro volume. Eu sempre digo que as Crónicas son un único libro publicado en tres partes. Dubidei se debía de publicar en dixital a historia completa, mais, ao final, decidinme por manter a estrutura da edición en papel e servirme deste minifundismo literario para tomar o pulso ao voso interese. Si, vós tamén sodes importantes porque aínda que pensedes o contrario e, mesmo, consideredes que esta historia non paga a pena, supuxo moitas horas de estudo, traballo e tempo que lle restei á miña familia.

Podedes descargar completamente de balde o primeiro libro en formato ePub (calquera lector de libro dixital) e en formato Mobi (os lectores Kindle). No panel da esquerda (a estas alturas xa vos quedaría un pouco arriba) tedes un botón para facer a vosa doazón (como fixeron os máxicos Radiohead), ou non. Tamén podedes agardar a que estea subida toda a triloxía e valorar se merece un pouco ou un nada, se o tempo de lecer que lle adiquedes é perdido ou se non está tan mal dentro da media do panorama literario actual.

Por favor, se algunha alma perdida nos mundos cibernéticos do Internet descarga algunha das novelas e quere comentar, compartir ou, simplemente, iniciar un faladoiro literario, facede uso da sección de comentarios na zona inferior desta páxina.

Ben, sen máis, aquí tedes a primeira entrega. O segundo volume da triloxía publicareino en outubro...






Comentarios