xoves, 18 de decembro de 2014

Caderno da Crítica, o curruncho máxico de Ramón Nicolás

'Caderno da Crítica' é un blog co que xa tivera contacto no pasado, grazas á publicación nel do 'Taboleiro do libro galego' e á inmensa sorte de aparecer en dito taboleiro coas Crónicas de Bran.

Desde esas aparicións fortuítas, tiven o costume de consultar as entradas que diariamente publica Ramón Nicolás no seu espazo na rede e gozar, sobre todo, coas recensións e os cuestionarios. Cuestionarios Proust, chámanlle. E o certo é que esa mesma e constante secuencia de preguntas formuladas a diferentes persoas ten o seu aquel e chega a engancharnos co seu uso e lectura. Cando xa coñecemos de memoria as cuestións a plantexar ao suxeito, agardamos pola resposta sen sequera ler a pregunta, ansiosos por ver que contestará.

Pois ben, hoxe tiven o pracer de enfrontarme a esas preguntas que, a priori, poderían parecer moi sinxelas mais que, se un se detén a responder con sinceridade, conseguen facernos dubidar até de nós mesmos.

Por certo, aproveito que deixo a ligazón ao Proust e poño a da recensión (feita tamén por Ramón Nicolás) de Hostal Norte e así deixo constancia nesta miña bitácora particular.






Ningún comentario:

Publicar un comentario