Calquera cousa que puidese dicir sobre min carecería de importancia ou, cando menos, de interese algún. O motivo deste blog non é ningún tipo de promoción nin autoedición senón que, máis ben, quere ser un xeito de exteriorizar as ideas que roldan a miña mente de cando en vez. Como a devandita non ten un esquema ou patrón de funcionamento, non haberá ningún tipo de periodicidade ou afán enfermizo de actualización do contido. É dicir, non vou pasar sen durmir ou deixar de facer cousas de proveito para escribir catro letras aquí e que non as lea ninguén.
Posto o punto de partida para este o meu curruncho, simplemente desexarvos que, se por erro ou despiste caedes neste escuro lugar, o pasedes ben coas historias aquí recopiladas.
Os dous parágrafos anteriores foron escritos hai moitos anos. De feito, foron escritos cando tiña o meu espazo en Blogaliza (de cando aínda existía Blogaliza) e non levaba publicado máis có primeiro volume de 'As Crónicas de Bran'. No momento en que leas isto, xa pasaron moitas máis cousas. Non é que me convertese nun fenómeno de masas nin que sexa un escritor 'mainstream' (nin sequera son un escritor). Non, mais as novelas chegaron a seis e, para o vindeiro ano, chegarán a sete.
Dito isto, grazas por seguir visitando este lugar que non visita case ninguén. Como vedes o nivel de optimismo medra ao mesmo ritmo cá miña melena. En todo caso, séntete coma na túa casa (ou mellor).
Penso que, de novo, esta sección precisaba de ser actualizada. O tempo, compañeiro inexorable das nosas vidas, foi pasando e derrubou cidades mentres construía outras. A miña prepotencia de pensar que podería escribir historias e crear mundos mudou por unha discreta e case muda continuidade do xa escrito e o traballo na sombra para axudar a publicar cousas que pagan a pena e polas que case ninguén arrisca. Estamos na fase de sacar fotos e querer mudar o perfil creador por consumidor. Non vos podo poñer moito máis porque nin eu mesmo sei como rematará esta nova etapa do medio século de vida...
E cinco anos despois desa actualización... outra aventura que afunde no océano violento da vida, ese con ondas que afogan soños e ilusións. De novo, toca reinventarse e abandonar ese intento frustrado de ser editor, de querer coidar polos libros de outros, para engrosar o colectivo de persoas desempregadas e apuntarme a un curso profesional de cociñeiro para, outra vez máis (e xa son moitas como para aprender delas), tentar transformar unha grande afección de sempre nun xeito de vida, nun xeito de gañarme a vida. Veremos como remata todo isto. Stay tunned... que dicían nas series dos 70-80.
Comentarios