Como pasa o tempo, como nos arrastra a vida
Algo máis de cinco anos dende a última entrada deste blog que pretendía ser o meu sancta sanctorum. E aquí estou de novo, cinco anos despois. Despois de mil esforzos, de incontables esgotamentos, de deixar o corpo e a mente nunha aventura que semellaba demasiado perfecta como para chegar a bo porto. E xa un comeza a estar farto, farto de usar estas páxinas coma un muro das lamentacións para non deixar máis que penas e prantos. Así que tentarei fixar a miña vista neses derradeiros raios de sol que aínda perduran por riba do horizonte no remate do día e facerlle fronte á noite que chega co mellor ánimo posible.
Inicio un novo camiño, unha nova senda que me levará por máis de 800 horas de estudo e traballo para acadar unha categoría profesional nun novo campo, nun no que espero ter cabida laboral ao meu máis de medio século de vida. Só o tempo, de novo o tempo, amosará o resultado do meu atrevemento. Mentres tanto, espero animarme a encher estas páxinas electrónicas con algunha foto e con algún acontecemento ou pensamento que pague a pena.

Comentarios