Mnemea


Ben, xa pasou o 'subidón' inicial e penso que podo falar de Mnemea con toda a obxectividade da que son capaz. Está claro que, para calquera persoa que escribe, a túa nova novela é algo moi especial, moito. Supoño que terá algo que ver coa teima da superación, de facelo mellor cá vez anterior. Si, debe de ser algo relativo ás inseguridades de cada un e de pensar que sempre hai algo que demostrar.

Xusto esa foi unha das razóns polas que estiven a piques de deixar esta tolaría da escrita hai algún tempo e tiven a sorte de que Galaxia (en concreto, Francisco Castro) me rescatou da miña treboada emocional. Daquela o meu salvavidas foi a última novela que escribira naquel momento, 'As lembranzas perdidas do lago Antëlvari' (se o título vos parece longo de máis, só tedes que comparalo co titulo orixinal que tiña pensado, 'As lembranzas perdidas á beira do lago Antelväri', e entón xa o flipades). Non sei, hai moito mito (ou moita inseguridade) ao redor das grandes editoriais. Eu, desde os meus comezos, só escribín para amigos. Sempre foi así, escribín 'As Crónicas de Bran', 'Hostal Norte' e 'Negruña' por e para a amizade. Iso trouxo moitos desencontros. Por unha banda, eu sentíame coma na casa, mais, pola outra, sempre houbo xente que pensou (e menosprezou) que a razón pola que me publicaban era por ser amigo dos que me publicaban (ese pensamento existía mesmo dentro da propia editora). Un ten unha idade (e moi pouco aguante, ademais dun gusto estraño polas parénteses) e, sinceramente, non gusta de estar onde non o queren.

Curioso, verdade, que os teus complexos te leven a escribir unha boa novela (Antelväri é unha boa novela) e que cha queiran publicar nunha das grandes editoriais do país, sen renunciar ao teu xeito e xénero de escribir. Si, para min foi, cando menos, curioso.

Isto deixa a Mnemea nunha situación complexa. É a miña segunda con Galaxia e, aínda por riba, en 'Literaria'. Deixamos o enfoque 'xuvenil' e metemos a nosa musa no mercado adulto. E non podo estar máis de acordo. É a miña novela con máis dose de realismo e, aínda así, máis onírica e fantástica. Se houbo xente que comparou Antelväri co universo Lovecraft ou con King, eu penso que Mnemea é máis do xeito do mestre Poe.

Ao final, supoño que terei o mesmo número e tipo de lectores (nin máis nin menos cós meus), mais é unha 'gozada' poder seguir escribindo o que che sae de dentro, o que gustarías de ler, sen ceder nin unha soa coma a nada nin a ninguén.

Deixo aquí a entrevista que me fixo hoxe Ana Romaní no Diario Cultural (no minuto 9:20) para que saibades algo máis desta novela dentro dunha novela. Se aínda quedades con ganas, o sábado 22 de xuño será a presentación oficial en Berbiriana, na hora do vermú...

Entrevista no Diario Cultural

Comentarios

Éxitos a mans cheas, meu Duncan! Mnenea meréceo!