Pois a verdade é que xa era hora, si


Era, como dicía unha fermosa canción de hard-rock da miña época moza, unha pedra no zapato. Estaba a converterse nun ruído de fondo constante, como o murmurio das ondas a romper durante toda a noite. Ameacei con fechalas múltiples veces e borrei un cento de 'amizades', boteime atrás e volvín aceptar centos máis. A miña relación coas redes sociais (que non deixa de ser un reflexo da miña relación co resto do mundo) é moi moi complicada, demasiado.

Penso que, durante anos, foi o máximo expoñente da miña inseguridade, a ferramenta na que confiaba para propagar e promover a miña faceta (falsa) de escritor. Estaba total e completamente seguro que, se non mantiña ao día as miñas redes sociais, a xente deixaría de mercar/ler os meus libros. Non sei, talvez os ciclos dos gustos culturais da peña sexan máis amplos que a vida dunha galaxia, mais no meu caso estamos a falar dun encefalograma plano.

Comecei nisto da escrita (de novela, de relato comecei antes) alá por 2013 e vendín nun ano uns 200 exemplares do primeiro volume das Crónicas de Bran. Desde 2013 (quen teña curiosidade pode consultar a miña galipedia A Galipedia do Duncan) publiquei, case sen interrupción, unha novela por ano. Por sorte, ou por desgraza, publiquei en pequenas editoriais, medianas editoriais, grandes editoriais e, mesmo, autopubliquei. Sempre, nunha diabólica liña constante, a miña liquidación ao final de ano foi de 200-250 exemplares. Houbo, por suposto, situacións demoníacas nas que ese número de exemplares era case os que vendiamos en man a miña muller, a miña filla e mais eu durante as feiras ás que íamos durante ese ano. Si, houbo de todo.

De verdade, por moito que esteamos en crise, se un autor, ademais das horas que sacrifica da súa vida e do seu tempo libre/familia/afeccións (si, case ninguén vive de escribir) ten que facer o traballo de promoción e difusión que lle corresponde a unha editorial e a unha canle de distribución... Estou convencido de que iso é a exposición pura e dura da morte dun sector, mais ninguén quere velo.

Porén, isto non quere ser un 'escribo e non me merecedes e, ademais, ninguén fai caso', non. O meu blog merece máis respecto pola miña banda ca un simple ataque de histeria. Aínda así, podo asegurarvos que o que vivimos durante eses case dez anos de experiencia no sector literario galego dá para escribir unha saga distópica e deixar bastantes "títeres" sen cabeza.

Volvendo ao obxectivo inicial deste artigo, o certo é que si, que xa era hora. En dúas semanas darei de baixa eses lugares chamados redes sociais, eses fogares virtuais nos que a xente pensa que pode berrar o que queira e que chega a todos os currunchos do mundo cando, en realidade, pode berrar o que queira, iso si, e chega só aos catro amigos que interactúen coas súas paranoias ou aos que permite a rede social en cuestión. Porque as redes sociais xa hai tempo que se converteron nunha tele de pago. O teu programa só se emite se tes audiencia, moita audiencia. Do contrario tes menos audiencia cá radio do instituto.

Así que até aquí. Como non vou vender máis libros por perder unha media de case dúas horas ao día por xestionar unha empresa (Facebook ou Twitter) que non me paga ao final de mes, só manterei Instagram (polo amor que lle teño ás fotos, aínda que non descarto mudala por outra).

Como vos dixen máis dunha vez. Se queredes saber das miñas paranoias: este blog, os meus libros ou o mail que aparece na barra da esquerda. Grazas e sede felices.

Comentarios

Xosé de Cea dixo…
Acabo de subscribirme a este ollo de corvo que tanto promete. Creo que coincidimos, e moito, nese só ante o perigo que é no que te deixan as editoriais patrias nos labores de promoción dos libros, e na escasa utilidade das redes sociais para esa finalidade se, coma dis, non tes seguidores por milleiros. Pero nun sistema literario no que os lectores e as lectoras en lingua galega son quen son, non se pode agardar moito máis. Quédanos, cando menos, o goce de escribir.
Boa sorte na nova andaina!
Xosé Duncan dixo…
Grazas polo comentario, Xosé. Vémonos ;-)
Sergio dixo…
Xa está no meu "feed"! E é ben certo que cando deixei twitter atopeime con moito máis tempo para dedicarlle a acovadameiga.net .Así que fixo que vas sair gañando
Duncan dixo…
Iso espero, Sergio. Polo menos vivir máis tranquilo ;-)