Silencio en tempos de pandemia


Dubidei en pór de título 'Tolemia en tempos de pandemia', mais, entre a rima para parvos e o mal que soaba, optei polo que puxen como definitivo. Non digo que sexa o ideal, nin sequera o mellor, mais non levamos nin tres semanas deste ataque da hacker Gaia e xa estou farto do estrondo de milleiros de voces cibernéticas.

Supoño que é en momentos así, en épocas tan traxicamente históricas como a que estamos a vivir, cando se fai máis evidente da merda que hai nas redes sociais. Non é nada novo, hai anos que están cheas de auto-profesionais de todo, desde reporteiros autodidactas a analistas autoformadas. Eu que pensaba que a prepotencia máis grande e disparatada estaba localizada nos programas do tele-lixo... É unha mágoa, porque se hai algo que é peor que a falta de información é o exceso de desinformación. E niso, sen dúbida, as redes sociais van sobradas.

En calquera caso, non demonicemos Internet nin as novas tecnoloxías, o mal, coma sempre, somos nós, a especie humana. Lembro cando todo isto comezou (nin que pasasen trinta anos) e como había quen pensaba que esta traxedia sacaría o mellor de nós... Como se houbese algo bo que sacar de nós.

Chamádeme tolo, mais non só non confío na especie humana, non penso que a súa existencia pague a pena todo o mal que fai. E, chamádeme dramático, se non imos desta, iremos dalgunha. Talvez non da seguinte, mais si dalgunha.

En lugar de pensar, de calar, de reflexionar e facernos conscientes da nosa fraxilidade, botámonos aos balcóns, tanto a aplaudir como a bater potas, o caso é berrar, berrar e queixarnos. Supoño que é o que mellor se nos dá. A queixa como expoñente do noso egoísmo.

Hai tempo que optei por visitar menos as redes sociais, hai tempo que fun mudando a escrita pola fotografía e podo asegurarvos que, aínda que non sexa máis feliz, vivo máis tranquilo. Volvín ao meu mundo sen televisión e sen chíos nin posts. Non tiña sentido vivir nun mundo sen programas lixo e aturar merda nos muros de xente que, na súa inmensa maioría, nin coñezo persoalmente. Se levamos isto a un absurdo, poderiamos concluír que, se non me cae ben nin a metade da xente que coñezo en persoa, nin sequera sentiría empatía polo quince por cento desas amizades virtuais.

Aínda así, tampouco é que teña moita fe en min mesmo, cando todo isto remate (se remata, e non falo do problema sanitario, senón do que virá despois) volveremos ser os mesmos seres narcisistas e masturbadores do noso propio ego. Só espero que sexamos igual de mediocres ca antes e non peores.

Ánimo, tentade ser felices (e facer felices aos que vos rodean) e deixade de ler parvadas coma esta nestes mundos irreais que alguén inventou para ternos ocupados e adormecidos.

Comentarios