xoves, 25 de xuño de 2015

As primeiras presentacións d'As Crónicas de Bran deste verán

Esta pasada fin de semana viaxamos até o Sur para presentar a nosa triloxía. O Venres polo serán estivemos en Vigo onde, despois de padecer unha viaxe en coche a máis de 35ºC, tivemos a sorte de coñecer a Sabela González, a creadora das Crónicas de Landereina, e volver a pasar un bo rato cos nos amigos da Libraría Cartabón.
Aló nos sentamos, Fernando M. Cimadevila e máis eu, para contar as liñas xerais da nosa historia e os seus protagonistas, dando unha visión completa dos tres volumes que conforman a aventura de Bran e a súa evolución desde que era un mozo a piques de alcanzar a maioría de idade até se converter na figura máxica á que o empurrara o seu destino. Falamos tamén da literatura fantástica en xeral, do seu momento actual e do papel que xogan escritores, críticos e lectores na complicada tarefa de lle dar vida a un libro.

O Sábado, despois de pasar unha noite chea de calor e dos recordos da tortilla, da orella, do xamón asado e da fabada (si, fabada) da cea, bordeamos toda a ría para chegar a Reboreda (a pouca distancia de Redondela) e visitar a Libraría A Carambola.
Foi unha charla moi especial por dous motivos. Porque era a nosa primeira vez n'A Carambola e sempre fai ilusión estrearnos nun lugar novo e polo público que nos acompañou. Sempre falo da segunda lectura e o trasfondo que teñen as Crónicas de Bran. Sempre fago fincapé na crítica social e nos dramas que viven nas almas dos protagonistas da triloxía, tan máxicos mais tan semellantes a nós. Porén, non podo negar, que é unha historia de fantasía épica e que, polo tanto, o seu público principal é o xuvenil. Por iso, estar sentando diante daquelas mozas e mozos e explicarlles o porqué da triloxía, as súas orixes e influencias e, sobre todo, a importancia de poder escribir sobre o que nos define, sobre as nosas tradicións e mitos, foi realmente gratificante.
 
 
En resumo, unha moi boa fin de semana chea de literatura, pizzas, calor, fabada... e conversas nocturnas cos amigos na terraza baixo a luz da Lúa, Venus e Xúpiter. Que máis se pode pedir
 
 

2 comentarios:

  1. Foi unha presentación xenial! Mágoa non ter quedado máis (pero, vaia, barbacoa e piscina fronte ao mar non é mal plan tampouco, hehe :D). Un gusto oír falar así da fantasía. Tárdame asistir a máis conversas coma esta. Apertas!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas a ti por te achegar até alí e, si, o teu plan estaba tamén moi ben ;-)

      Eliminar