'Hostal Norte', tras as paredes de flor de lis [pistas ocultas e segredos só aptos para quen lese a novela]

Comezamos coa explicación dos símbolos e pistas ocultas na novela falando xa da súa primeira páxina. Hostal Norte é unha historia cíclica e a mellor mostra é que comeza no final. Iso si, nun final 'alterado' por Brais como o é toda a narración.
No capítulo 1, titulado 'O Hostal', podemos ler na páxina 9:
"Un brusco golpe do cristal da xanela contra a súa fronte espertou a Brais e sacouno do lixeiro sono no que caera durante o tramo final da viaxe."
No capítulo 13, titulado 'Morte' (se xuntamos os dous títulos, dá como resultado o primeiro título 'alternativo' da novela: 'Hostal Morte'), podemos ler na páxina 131:
"Brais abríu os ollos e separou a fronte do frío cristal da xanela."
Como vemos, toda a narración da fuxida ao hostal acontece nun segundo, no tempo no que Brais tarda en afastar a súa fronte do cristal da xanela do cuarto dos seus pais…

Desde a páxina 18 até a 23, a vella Abuína acompaña a Brais ao seu cuarto desde a recepción. Nese curto traxecto coñecemos á filla dos Moure (unha cativa vestida cun camisón mais calzada con zapatos de ante), fixámonos por vez primeira na parede cuberta de flor de lis, cruzámonos co Señor Agustín, petamos na parede para que as lámpadas deixen de escintilar e Abuína fainos unha breve presentación de todos os hóspedes do hostal.

A explicación para a vestimenta da cativa atopámola na páxina 132 cando se narra a aparición dos veciños ante a chegada da policía:
"A nai cubríase cun gran paraugas laranxa e levaba ben suxeita á pequena Lúa no colo, aínda en camisón e calzada cuns curtidos zapatóns para se protexer do frío da noite..." A imaxe da rapaza permanecía na mente de Brais. Despois de vela a través da xanela, levouna con el ao hostal.

A parede cuberta de flor de lis aparecerá moitas máis veces pero será no final, máis unha vez, cando apoiaremos nela as nosas mans cubertas de sangue, no principio do Capítulo 13, na páxina 131:
"Apoiaba as mans na parede forrada con papel de lis. Na dereita agarraba a brillante navalla anacarada…"

O Señor Agustín terá o seu espazo máis adiante, só lembrade que saca o seu can a pasear. O mesmo can do que dirá que lle sirve de protección no estanco no que traballa (estanco que, se lembrades a páxina 13, levaba moito tempo pechado).
As lámpadas, as lámpadas que escintilan, que se acenden e se apagan... por que? Porque na páxina 132 a novela cóntanos que:
"Os coches de policía bloqueaban o acceso ao camiño de pedra, alén do valado, aparcados na estrada principal da urbanización e ferindo a escuridade da noite coas luces brillantes e intermitentes das súas sirenas"... Esas mesmas luces que se quedaron gravadas na retina de Brais e non o abandonaron en todo o tempo que durou a súa visita ao hostal.

Capítulo 2 - O pequeno gato que quería comer queixo

Ben, xa chegamos ao primeiro dos chamados 'capítulos oníricos' e que son os que van ilustrados por José María Picón. Así como a narrativa da vida no hostal (dentro das súas posibilidades) é tratada como un fío argumental normal e vai levándonos cara adiante na historia de Brais, os capítulos oníricos non se axustan a ningunha regra preestablecida. De feito, están escritos con absoluta liberdade de contido e forma. Dito isto e, polo tanto, dando por sabido que no momento en que @s nos@s lector*s cheguen a eles non saberán de que van, pasamos a explicar o fondo deste gato que devecía por lle roubar o queixo ao seu irmán.

Os personaxes deste soño son catro. A gata, os seus dous fillos e, como non, o anaco de queixo. A súa correspondencia cos personaxes 'reais' é: a gata é a nai de Brais e Xoel, o gatiño raiado é Xoel, o gatiño negro é Brais e o anaco de queixo non é outro que a nosa doce Laura/Lara. O soño narra a represión á que Brais se ve sometido polos seus pais en contraste coa liberdade excesiva que el considera que lle dan ao seu irmán (tan excesiva que no final da novela pilla a Xoel e a Laura na cama dos seus pais). Xaora, o elemento envexa non pode faltar dado que Brais está namorado de Laura e pensa, máis ben desexa, que ela tamén sente algo por el.

Seguramente sexa o capítulo 3 'Xoel?' o derradeiro intento que fixo Duncan por que a novela non se achegase demasiado ao misterioso e desacougante e puidese formar parte da colección xuvenil de Urco (si, a primeira idea era esa). É máis que probábel que fose ese intento porque é o capítulo máis 'real' e 'urbano' de todos. Non hai neste capítulo pistas ocultas que enfíen co tráxico final. Só a despedida de Brais co derradeiro rastro de realidade que o podía salvar, mais a chuvia volve acompañalo no seu camiño ao hostal, despois de ir buscar o inexistente traballo no almacén do polígono. Frases como 'Ninguén de nós pode marchar do hostal' (a pequena Lúa nas escaleiras xogando co Señor Meu, o seu gato de felpa) ou a escena na que o sangue se filtra por debaixo da porta do cuarto de Xoel, son os resortes que dispararon a escrita de Duncan polo camiño que decidiu tomar o hostal.
Tócalle de novo a outro capítulo onírico, o 4 ' As ratas e a crisálide'. Este pesadelo mestura a situación final do capítulo anterior no que Brais vaise deitar, en non moi bo estado de saúde, e o comezo das imaxes do soño. Continúa co concepto do capítulo onírico anterior mais muda ao seu irmán Xoel e a Lara/Laura de seren gato e queixo a se converteren en dúas ratas fornicando nun pozo sen fondo. Téntase que o capítulo sexa o máis visual posíbel con ese descenso de Brais envolto nas sabas enchoupadas pola febre (convertido nunha crisálide) cara a ese burato no que se chantan con paixón as dúas ratas. Aparece na novela, por primeira vez, a navalla anacarada que volverá ao texto na visita de Lara ao cuarto 22 (páxina 74) e, xaora, ao momento final na páxina 131 cando 'Na dereita agarraba a brillante navalla nacarada, apertándoa con tanta rabia que os cotelos se lle tornaran brancos.’

Máis unha vez, outro capítulo intitulado co nome dun dos hóspedes. Nesta ocasión, o Señor Agustín. O máis salientábel deste capítulo é a 'case' perfecta repetición do diálogo do noso estanqueiro favorito na páxina 65 ('Non te deberías mover...') e na páxina 133. Con esa unión narrativa, quérese dar a entender que Brais esta a revivir no capítulo 5 o interrogatorio que lle fai o policía (o Señor Agustín) cando entra no cuarto dos seus pais co can para o arrestar.

O capítulo 6, de título (Lara/Laura) garda no seu interior a segunda aparición da navalla anacarada (como xa comentaramos, na páxina 74) e déixanos asistir á única oportunidade que ten a mente de Brais de gozar da compañía da súa amada. Lara/Laura prepáralle unha infusión, adopta poses ofendidas-maternais-agarimosas, deixa entrever unha posíbel relación con Xoel e xoga ao despiste deixándose querer. Nas súas 10 páxinas amósanos como se imaxina/lembra Brais os seus encontros fugaces coa moza do seu irmán e comparte con nós a arañeira de emocións que sentía cando estaba preto dela.

Caemos de novo nun capítulo onírico, 'O coello e o ovo de Pascua podre'. Este é o máis surrealista dos pesadelos que ten Brais no hostal. Afonda no mito da fertilidade, empregando as figuras icónicas do coello e do ovo de Pascua (ámbolos símbolos de fertilidade). Na mente adolescente de Brais crúzanse a paixón sexual que esperta Laura nel e a imaxe repetitiva das moitas veces que a pillou na cama co seu irmán. Fertilidade, sexo, desexo... todo deitado sobre as sabas brancas da cama dos seus pais e tinxido do vermello do sangue do asasinato. A erección do ovo de pascua sobre o chan liso e puro, emerxendo co cheiro dos corpos suorentos e do sexo, levan a un final de capítulo horríbel para o noso protagonista.
O capítulo 8 'O bar da costa' é un dos poucos que nomean un lugar na novela. É tamén a segunda saída de Brais do hostal (tras a breve visita ao polígono na busca do traballo prometido e non atopado) e nese capítulo coñecerá a un dos personaxes máis importantes da historia. Coa escusa de querer recuperar forzas, Brais sae do hostal e, aínda que expresa o seu desexo de abandonalo en poucos días, vese que, esa mañá, non ten intención de ir máis lonxe que do bar da costa. Tan pronto como comeza a almorzar, xa inicia a conversa co vello Blas (que é o nome de Brais en castelán) e este fálalle dos xogos crueis da vida e de como el tamén fuxiu da súa. De feito, sen enlazamos esta conversa coa segunda aparición de Blas no capítulo 12 e coa narración do derradeiro capítulo onde se di 'Unha porta abrírase no fondo do seu cerebro. O cuarto 22 amosáballe o seu sucio catre e el volveu cruzar o limiar.', decatarémonos de que Blas é Brais na súa segunda, e xa definitiva, visita ao hostal.

Falabamos no elo anterior do Bar da Costa. Neste tócanos outra localización, 'O cuarto dos Moure'. É este capítulo o máis duro de toda a novela. Non por ser o máis terrorífico ou desacougante senón pola violencia extrema do eido doméstico da familia Moure. Con todo, esa violencia non é propiamente dos Moure. Máis ben son as lembranzas de Brais e da súa familia xa que, na páxina 132, os Moure achéganse aos coches de policía e el asocia a imaxe deses pais, que ve desde a xanela, cos seus propios pais ausentes no escenario do crime. Mesmo a pequena Lúa remexe nun pasado esquecido e di 'Foron tempos difíciles, verdade, Brais? Os pais discuten, home, é normal. Mais, a peor parte sempre a levamos os fillos... Pode non parecer xusto mais a vida é así. A que despois xa se portaron ben con vós?’

Pouco hai que dicir de Abuína agás que aparece na páxina 7 da novela (na dedicatoria de Duncan), que é a encargada do hostal, que o seu nome é un xogo de letras para identificar á avoa de Brais (a súa foto aparece na páxina 133 e no deseño da capa da novela) e que conta co capítulo 10 para nos amosar toda a súa santería e devoción polo chocolate e o licor café.

Chegamos ao derradeiro capítulo onírico 'O barco prisioneiro do tarro de cristal' e, xusto por esa razón, está cheo de símbolos, de todas as imaxes que Brais ten a bulir na súa mente. El mesmo a loitar contra o temón que facía perder o rumbo á súa cordura (ao seu barco) prisioneiro dese cárcere de cristal (da xanela) co que se pretende defender da realidade e que, no seu reverso, levouno até o hostal. Obxectos espallados a longo do capítulo comezan a deixar adiviñar a escena final (e real) que el está a ver desde o dormitorio dos seus pais: a mangueira azul derramando o exceso de chuvia no xardín, o paraugas laranxa da nai dos Moure transfórmase nas súas propias botas, os luceiros intermitentes que guían o camiño do barco e que non son máis que as luces dos coches de policía…

O capítulo 12 'No confín' (título en honra á novela de William Hope Hodgson, 'A casa no confín') e o seu comezo enfía os tres derradeiros capítulos cuns golpes a bateren na porta do cuarto. Os mesmos golpes que escoitaba no casco do seu barco, os que o acordan neste capítulo 12 e os que (aínda que non se 'narran' explicitamente) dá a policía na porta da casa dos seus pais antes de irromper no interior. Nas súas páxinas volve aparecer o vello Blas (o álter ego do protagonista) para lle facer unha advertencia que tamén vai dirixida ao/á lector/a, 'Cando les todas as páxinas dun libro, péchalo, dálo por rematado', dando a entender que o derradeiro capítulo garda a verdadeira historia. Brais é atacado por todos os seus demos interiores e foxe escaleiras arriba, apoia a fronte na parede de flor de lis e, incapaz de aturalo máis, prega pola aparición da xanela que se agocha no seu interior.

Chegamos ao final. É 'Morte' o capítulo 13 da novela. É do que, en realidade, quería fuxir Brais. Non devecía pola súa independencia nin por se afastar dos pais que lle procuraron unha vida de adolescente acomodado, desexaba borrar o que os seus desexos e a súa frustración rematou por converter en ira, en morte.
Neste capítulo mestúranse todos os elementos simbólicos que, como nas vellas 'aventuras gráficas' de pc, foron aparecendo espallados entre as páxinas da novela: o cristal da permanente xanela, o papel de flor de lis, a navalla anacarada, o sangue, a mangueira azul, as luces escintilantes dos coches de policía, a familia Moure, a foto da avoa, as sabas brancas enchoupadas co corpo de Xoel, a fermosa Laura/Lara enrolada coma unha crisálide na colcha e, como non, o home/policía do enorme can negro que lle repite as mesmas palabras que xa lle dixera no seu cuarto do hostal.


E rematamos, como xa vos avisamos, co atormentado Brais/Blas desexando ter unha segunda oportunidade naquel hostal que só existía na súa mente para se atopar de novo coa súa amada Lara.

Comentarios