Cumios da cidade


Este comezo de ano estoume a tomar as cousas con máis calma. Non con moita máis calma, pero, para o xeito no que funciona a miña cabeza, si con algo de calma. Niso está a axudarme moito, sen dúbida, a fotografía. Xa o teño comentado máis dunha vez, a escrita é un proceso máxico, místico, mesmo divino no seu acto de creación, mais, cando a creatividade artística está ao alcance de todo o mundo, todo o mundo, sen excepción, se converte en creador, crítico e propietario dos dogmas inquebrantables que dan forma, sentido e fin a calquera historia narrativa. A fotografía vai doutro xeito. Se admites a realidade que supoñen os móbiles e que implica que até unha rapaza de oito anos armada cunha cámara frontal de última xeración sacará selfies con máis 'likes' que calquera das imaxes que compartes nas redes sociais, xa tes a guerra gañada. Quitando ese menosprezo global, é unha actividade máis persoal e íntima. Polo menos no meu caso, non require de tanta aceptación (lectura) nin necesito compartila con ninguén máis. É dicir, volvo á orixe, a facer cousas para min, a ser creador e consumidor do que fago sen importarme os demais.

Durante este mes de xaneiro (comecei a sacar as imaxes a finais de decembro de 2019) preparei unha serie de fotografías que din en chamar 'Cumios da cidade'. Con elas quería lograr varias cousas: amosar desde a perspectiva de 'a pé de rúa' a visión dos fermosos xigantes que conviven con nós todos os días e aos que non prestamos atención, facer un percorrido por edificios modernos e modernistas dos que descoñecía practicamente todo e utilizar as miñas fotos como escusa para saber algo máis da súa historia e, por último e máis importante, comezar a ver vídeos no Youtube de documentais das grandes figuras do branco e negro, aprender as súas técnicas e practicalas no meu programa de revelado.

Percorrín o Parrote, os Cantóns, a Praza de Mina, a de Lugo, a de Galicia, a de Vigo, a de Pontevedra, achegueime ao Dique de abrigo, ao Monte de San Pedro... Saquei fotos, reveleinas e repetinas cando non quedaba satisfeito co encadre, coa composición ou coa luz que había no momento. Visitei varias veces algúns lugares na caza do mellor ceo, da mellor hora do día. Noutras ocasións tiña lugar unha revelación inesperada e o primeiro disparo era o disparo perfecto.


De todas elas escollín vinte e seis para deseñar un album cunha aplicación dunha plataforma online de revelado dixital. Segundo o apartado de 'Seguimento de pedido' xa o enviaron, así que debería chegar esta semana. Formato vertical, nun tamaño de 21x28cms, tapa acolchada e impresión en papel fotográfico mate. O meu primeiro album para consumo propio.
Algunhas delas, ao redor de doce ou trece, formarán parte da exposición que levarei no mes de outubro á Casa Museo de María Pita, na cidade vella. Espero que de aquí a alá non caia na tentación de sacar máis versións, de visitar de novo eses lugares que xa non podo mirar cos mesmos ollos.

Comentarios