Un destino no horizonte



Foron (e serán) días estraños. Mentres a preocupación xeneralizada da xente é recuperar o mundo tal e como o coñecían, tal e como era cando se sentían seguros, nós dedicámonos a facer vida introspéctiva. Xurara que non escribiría en, así por riba e como mínimo, dous anos e a verdade é que non hai nada como cortar a perda de tempo das redes sociais e o mecenado excesivo da hostalería local para poñerse a escribir. As dúas terceiras partes da historia xa están feitas, vinte e cinco mil palabras do que será a primeira das miñas fillas de papel que non terá fantasía entre as súas páxinas. Ademais, outra novidade, contará con sete ou oito fotografías en branco en negro que ilustrarán as sesións de terapia que comparten as dúas protagonistas. Entre rematar o texto e preparar o traballo gráfico, xa teño entretemento para o que queda de ano.

Outro dos meus amores que adormecían esquecidos no garaxe tamén recibiu as miñas atencións e customicei a Bonnie ao meu gusto. Cando a merquei, hai dous anos, só lle engadira unha insignia no motor, aínda que había un par de detalles dela que non me convencían demasiado. Buscando nos mercados electrónicos atopei un bisel perfecto para o faro en Alemania, unha tapicería de coiro marrón para o asento feita en Canadá e uns vinilos laterais encargados a unha empresa de Sabadell. Si, agora a Bonnie é toda unha Bonneville.

Continuamos coa aprendizaxe da fotografía, por suposto. E estudando todo o posible o revelado dixital do branco e negro. É ben certo que o modo b/n do visor da Fuji axuda moito a aprender a 'ver en branco en negro' e xa tes en mente a imaxe final que queres conseguir cando lle dás ao disparador. Un hobby marabilloso e unha escusa perfecta para animar a saír da casa e gozar do aire libre.

O abandono das redes sociais non só foron unha ganancia de tempo, tamén me permitiu recuperar a perspectiva real das cousas e da vida. Moitas veces, a felicidade (e a realización persoal) agóchase tras un muro ficticio de exceso de importancia e sobreestimación. Tendemos a darlle importancia a aquilo que fai máis ruído ou que aparece con máis frecuencia ante os nosos ollos (nas nosas pantallas). Pero iso non o fai nin máis importante nin máis real, só é máis repetitivo. Nada é máis verdadeiro por repetilo máis veces, nin por berralo máis alto. O verdadeiro, case sempre, é relativo, e sempre debería ser á nosa medida, axustado á nosa capacidade de comprensión e parello ás nosas vidas, ao noso día a día. Só así seremos quen de librarnos de vivir vidas inventadas, vidas de ficción. Vivimos nun tempo cheo de divas e influencers. Non hai tanto tempo ser unha estrela era cousa duns poucos, na súa meirande parte grandes artistas ou con gran talento, e así debe ser. Un mundo no que todos somos rock stars sería/é insoportable.

Tamén este ano volve o Curtas e organizamos de novo o certame de relatos fantásticos. Esta edición con premio económico, aquí a info: Bases Contos 2020 no CURTAS

Sen abandonar o eido literario, continúo colaborando con Bululú e axudándolles a organizar o catálogo online da súa web. Ademais, se a pandemia nolo permite e non fode aínda máis o mercado editorial, o vindeiro ano sacarei con eles a versión en castelán de 'O derradeiro decembro infinito'. Polo de agora non puidemos continuar, por razóns obvias, co noso show 'O home solitario on the road', pero as actuacións que fixemos no Monty da Coruña e no Casino de Lalín foron unha experiencia catártica. Este mes apareceu unha recensión sobre o texto na web literaria O meu andel de Manrique Fernández e, a verdade, é unha enorme satisfacción ver que un texto tan intimista e persoal pode chegar á xente, calar fondo, gustar e entreter, todo á vez.


Pois remata aquí esta nova anotación na miña bitácora persoal. Veremos que nos depara o futuro. A min, polo de pronto, agárdame Pérez en Kattatoomba este martes para pintarme de novo a pel. Supoño que será un sinal máis destes tempos de mudanzas, porque vai ser a primeira tatuaxe que non represente unha das miñas novelas. Dubidei se facerme o 'Helm of Awe', mais xa non teño idade como para poñerme tan guerrilleiro, así que optei polo Vegvísir. Estou no mellor momento para pedir algo de axuda para atopar o meu camiño, para soñar con que pode haber un destino nese horizonte que semella tan baleiro.


Comentarios