Os últimos días do verán


Xa hai algo de tempo desde a última entrada, así que non vos terei en conta que non haxa ninguén por aquí para ler isto.

O verán pasou dun xeito non tan estraño como contaba. De feito, poucas cousas mudaron, comparándoo con calquera outro verán. Si que é certo que os nosos amigos hosteleiros (non é retranca, como se dixese os meus amigos os taxistas, xa que contamos con verdadeiros amigos no sector hosteleiro) non nos tiveron nos seus garitos tanto como precisan nestes momentos. Mais, se non temos en conta as nosas faltas de asistencia aos bares, o noso verán transcorreu dentro dunha normalidade normal, nin nova nin carallos, normal.

Se houbo algo que definiu este verán foron as saídas fotográficas. A imaxe que vai sobre estas liñas, por exemplo, foi tomada no miradoiro do Pico Muralla, a poucos kilómetros da casa da miña nai e, desde alí, pódese ver a cadea de montañas que rematan por deitarse sobre a ría, Rianxo, a Illa e mesmo Cortegada e Carril. A opinión xeral foi que si, que as vistas son espectaculares, mais seguimos quedándonos coa Curota. Si, a fotografía chegou para quedarse. Non sei se poderei facer a expo que tiña pensado na Casa Museo de María Pita, pero unha mostra das fotos deste último ano aínda se pode ver na Caneca Furada. 

As miñas prácticas co baixo continuaron de xeito medido e constante, adicándolle unha hora, máis ou menos, ao día. O obxectivo inicial era saber colocar as mans e darlle ás cordas con algo de delicadeza. Podo dicir que superei as expectativas, collín certa soltura, aprendín a ler e interpretar as 'bass tabs' que hai por Internet adiante (as máis básicas, por suposto) e até me atrevín a compoñer algúns riffs con maior ou menor criterio.

Fun quen de cumprir a miña promesa/ameaza de abandonar as redes sociais e, agora mesmo, só manteño o Instagram para subir aquelas fotos que máis me gustan de todas as que vou sacando. Non descarto abandonala tamén, sobre todo se continúa amosando máis publicidade que contido da xente que sigo.

En canto á escrita, cada vez forma máis parte do meu pasado recente. Rematei unha nova novela durante o confinamento que, se todo vai ben e gusta, se publicará coa editorial coa que estou a colaborar agora, Bululú. Nesa mesma editorial sairá no vindeiro ano a tradución ao castelán de 'O derradeiro decembro infinito'. Tamén con eles estou a exercer de 'cazatalentos e editor' e xa teño dous libros moi moi especiais no forno con dúas persoas fantásticas, Silvia Penide e Xosé Iglesias. Calquera deses dous proxectos son brutais e xa me tarda velos 'físicamente' en formato libro.

Culturalmente estou un pouco máis activo. Outro ano máis traballo coa xente do Curtas de Vilagarcía para coordinar o volume colectivo de relatos e organizar algúns dos eventos da sección literaria. Tamén imos arrancar un circuíto de encontros culturais no Café Universal da Coruña, empregando un formato de entrevista e centrándonos na persoa convidada en lugar de facelo nunha única obra. Neste momento, xa están fechadas as catro primeiras entregas destes encontros que nos terán ocupados este mes de setembro e o de outubro.

Pois xa está. Levou tempo (sentarme a facela, non escribila), pero aquí tedes unha nova anotación na miña bitácora particular. Espero que esteades ben e que aproveitedes até o último día do verán...


 
 

Comentarios

Agardaba qu volveras. Grazas por facélo!
Xosé R. dixo…
Boa noite Xosé Duncan!
Seguireite por aquí entón.
Xa che comentei algunha vez que formato blog ten algo íntimo e persoal que non teñen as redes sociais. Tal vez a sensación de estar de invitado no teu espazo, a certeza de que se estou aquí é porque decido entrar e non porque o algoritmo famoso decida o que debo ler ou o que pode interesarme.
En fin, ánimo e moita sorte en todo o que emprendas.
Un saúdo.