O soño da escrita continúa

Quero anotar neste caderno de bitácora un feito que tivo lugar a semana pasada e que me dá, polo menos, un ano máis de vida no mundo da literatura galega. Un ano máis con novidades, quero dicir. Obviamente, a triloxía das Crónicas de Bran e As lembranzas perdidas no lago Antelväri continúan a súa viaxe por bibliotecas e librarías.

Supoño que sempre se di, e se pensa, o mesmo de cada nova novela rematada e esta ocasión non vai ser diferente. Esta é, polo de agora, a miña mellor obra.

Na miña opinión, contén todos os ingredientes do que poderiamos chamar a 'cociña Duncan'. Unha dose de fantasía por cada dúas de realismo, algún que outro flash-back para fortalecer o pasado e a psique dos personaxes e un par de capítulos oníricos para dar maior profundidade ao ambiente espiritual, que, de calquera maneira, sempre está presente en toda a trama.

Se Antelväri sacou comparacións coa atmosfera Lovecraftiana, penso que esta nova historia ten un chisco dos pesadelos do mestre Poe. É máis lenta, máis íntima e, sobre todo, máis intensa. Alí onde Antelväri se remexía violentamente nas escuras profundidades do lago, esta deléitase coa amargura e a autoculpabilidade do/s protagonista/s (póñoo así porque, malia haber varios protagonistas, cada un deles vai entrando por orden e acaparando case o 100% da atención da lectura).

Como xa sabe a xente que me coñece, unha nova novela implica un novo tattoo e, desta volta, a miña escolla será un deseño de *Shels (banda británica-estadounidense de rock progresivo), feito para o seu albúm Plains of the Purple Buffalo e que creo que representa moi ben dous conceptos: o primeiro, o da sombra e o do reflexo cos que xoga a trama da novela e, o segundo, porque ilustra (case feito á mantenta) á perfección o pesadelo que padece un dos protagonistas.

Pouco máis polo de agora (que xa é bastante), só queda agardar a que o traballo previo á edición se poña en marcha e a soñar con este novo libro que se fará realidade o vindeiro ano.

Comentarios

Xosé R. dixo…
Agardaremos daquela como bois mansos.