Ribeira Sacra, turismo adulto


Esta semana decidimos (así, ao tolo) que tiñamos que facer unha escapada. Este verán, por varias causas que non veñen ao caso, non puidemos facer ningunha viaxe e non queriamos rematar a época estival sen dar unha volta por algún lugar onde non fóramos antes. E si, aínda que pareza mentira, ningún dos dous nos deixáramos caer pola Ribeira Sacra.

En menos de media mañá, e a só tres días da fin de semana, conseguín mercar por internet uns billetes no catamarán da Deputación de Lugo (no de Ourense custaban 3€ máis e a ruta duraba media hora menos), reservar unha habitación con terraza en Hermida Rural e planificar (máis ou menos porque, ao final, non fixemos case nada do que levabamos pensado) as actividades da fin de semana.

Saímos o sábado pola mañá cedo e xa estabamos en Doade ás 11:30. Tomamos un café nun sitio que non nos gustou demasiado e tivemos o acerto de escoller a adega Regina Viarum para facer unha visita guiada. Unha visita a unha adega é algo obrigatorio para alguén que guste e queira entender o mundo do viño. Xa me acontecera en Vila Nova de Gaia cando fora a unha adega de viño do Porto. É unha experiencia única coñecer de primeira man o funcionamento da adega, como chega a uva, como a preparan, que criterios empregan para seleccionar unha ou outra e, neste caso concreto, entender que é iso da viticultura heroica.

Despois da visita, a cata. O branco foi bastante sorprendente. Un godello moi fresco e agradable, que se deixou beber coma se fose auga, mais que permitía apreciar o aroma mineral que lle dá a terra da Ribeira Sacra. O tinto que probamos foi o mencía 'normal' que elabora a adega e non estivo nada mal. Sempre me pasa igual cos tintos e vanme gañando aos poucos, a medida que van collendo corpo e temperatura na copa. Despois da cata saímos ao miradoiro da adega, desde o que se vían as terrazas de vides que baixaban polas ladeiras até a beira do río. Rematamos mercando unha botella de Regina Viarum Expresión, que é o mencía 'normal', pero con unha preparación de 9 meses en barrica.

En resumo, por 6€ por cabeza, a visita guiada de case unha hora de duración máis a cata das dúas copas de viño pareceunos algo que pagou moito a pena.






Despois da parada na adega, chegou o momento que menos nos gustou do día. Tiñamos por diante case tres horas antes de facer acto de presenza no embarcadoiro e debiamos buscar un lugar onde xantar. Se algunha vez tedes pensado facer esta viaxe, lembrade que en Doade só hai tres sitios para xantar, que desembarcan buses de turistas cada pouco tempo e que esas condicións son as óptimas para que a comida estea ben, mais que o prezo do menú sexa medio-alto tirando a alto. Tivemos que rematar xantando nunha adega que tiña restaurante (Regina Viarum non o ten) e pagamos 30€ por unha ración de 'empanada' (máis ben dúas tostas pequenas) de millo, un bacallau 'donosti-style' a compartir, un auga e unha Estrella.


O catamarán... Ben, o catamarán está ben, mais non é tan espectacular como podería parecer. Ao igual que me pasou coa adega, algo semellante sentín cando fun polo Danubio e cando suquei Paris. Ti o ves e pensas que ten que molar moito, moitísimo, pero vas alí e... ben, está ben. As explicacións da rapaza que fixo de guía durante o percorrido si que estiveron moi ben e coñecemos as diferenzas entre as dúas beiras (a lucense e a ourensá), un chisco de historia do río e varios detalles da fauna e flora da comarca.

Case chegando de volta ao embarcadoiro comezou a chover e, entre o pouco que nos ofreceu Doade ao mediodía e que a tarde ameazaba treboada, collemos o coche e tiramos para o encoro de Vilasouto, que era a primeira vez que íamos e non nos queriamos perder polo camiño.


Xa víramos na web de Hermida Rural a contorna do encoro, que está ao pé mesmo da casa. A imaxe que vedes arriba está sacada desde a beira do encoro, mais é a mesma vista que tiñamos desde a terraza da habitación (con almorzo incluído, 65€ a noite). Demos un paseo pola beira, rimos un anaco con dous vellos que querían pescar e cos peixes que non se deixaban e retirámonos cedo para o hotel. Despois do día que tivemos, decidimos cear alí mesmo e despois duns escalopines ao cabrales, unha 'tabla do país' (espectacular), tres copas de mencía, un xeado artesán de chocolate, un chupito de licor-K, dous cafés e un gin-tonic, pagamos case o mesmo que no restaurante do mediodía. Gozamos da treboada sobre o encoro e fomos durmir.

O plan do domingo era un pouco diferente do do sábado. Queriamos fuxir da metodoloxía guiri e non caer nas mans do establishment turístico da comarca. Así que a opción era ruta de miradoiros e ir de aldea en aldea entre Doade e Mondoñedo, percorrendo a ribeira do Sil.

O primeiro que descubrimos foi que ir de miradoiros non é ir de paseo precisamente. O normal é que estean a cinco ou dez quilómetros de distancia os uns dos outros (con algunha excepción na que, se tes as pernas de Steve Rogers, podes chegar de un a outro a través dunha ruta de sendeirismo). Con esas premisas, non quedou outra que coller coche e ir seguindo indicacións polo medio de 'estradas' e camiños forestais até o miradoiro en cuestión, baixar-subir-baixar-subir a pé a ladeira da montaña para sacar unhas fotos e gozar da vista e, cando xa estás a piques de morrer afogado pola calor e o sol, coller de novo o coche e repetir esa operación x veces.
Nós fixemos un par de miradoiros pola mañá, até que ás doce e media a calor xa era insoportable, e puxémonos a conducir por Doade, Sober... e caer no Bar de Rosende (non confundir coa Casa Grande de Rosende) onde por 7€ comemos dúas tostas de queixo picante con pepino, dúas tostas de freba con queixo fundido, unha tapa de empanada de bacallau e dúas Estrellas.


Tan contentos rematamos do noso xantar-express que quixemos continuar coa ruta de miradoiros. O que non sabiamos era que os da tarde estaban a moita máis altura cós da mañá e que, ademais, os treitos para facer a pé desde o coche até o miradoiro eran moito máis longos e moito, moito, máis duros. Así que só resistimos dous quilómetros de pendentes monte a través antes de darnos por vencidos e asumir que era unha hora perfecta para subir até Monforte de Lemos, tomar un café con xeo e dar un paseo por esa vila antes de regresar á Coruña.





Nunca unha decisión puido ser peor.



Se son sincero, diría que Monforte é a vila máis horrenda pola que paseei na miña vida (vale, talvez non sexa a máis horrenda, pero si unha delas).
En que baseo esta afirmación? 


Imos alá.

Antes de nada teño que admitir que xa estabamos moi cansos da fin de semana. Aparcamos o coche sen demasiado problema e cruzamos a ponte romana para chegar á zona peonil. Alá atopamos máis mercerías en venda e baixos baleiros que sitios para poder tomar un café ou un xeado. Fixemos unha parada técnica nunha cafetaría que estaba xusto no comezo das escaleiras que levan ao casco vello de Monforte, tomamos dous cafés con xeo e descansamos un pouco á sombra antes de retomar o martirio físico. Despois de varios metros de escaleiras e pendentes maquiavélicas, pasamos por diante do muro do cárcere antigo e cruzamos a porta que nos deu entrada ao que, algunha vez, foi o casco vello.

Desde as alturas, constatei dúas cousas. A primeira foi que os plans urbanísticos están sobrevalorados e que en Monforte deberon de tirar a todos os técnicos de urbanismo ao río. A segunda, que é unha visión horrible presenciar como un conxunto histórico se deixa esborrallar e converterse nun feixe de cascallos. Non, non falo do castelo (ao que, por certo, pasamos de achegarnos porque vese que hai unha asociación en pro da defecación ao aire libre e o fedor das costas que subían a el era insoportable). Falo das casas que hai, houbo, dentro da muralla. Non sei se a esa situación se chega por culpa de só un ou de moitos, pero é penoso. Iso si, vese que axudas para restaurar o castelo debe haber porque estaba rodeado de andamios.

Como dicía, quizais Monforte non sexa tan horrendo, só o pillei en roupa de andar por casa e sen afeitar de dúas semanas, mais non me quedaron ganas de visitalo de novo para ver se o pillaba un pouco máis aseado.

Conclusións que sacamos? Que a Ribeira Sacra mola moito, que, coma todo, hai que visitala sen contar demasiado coa maquinaria turística masiva (algún día alguén debería de reflexionar sobre a baixa porcentaxe de acerto que ten a devandita maquinaria na maioría dos destinos turísticos), que o catamarán está ben para facelo unha vez, que os miradoiros son unha pasada e que deberían estar recomendados en todo adestramento de cardio e que volveremos visitar algunha adega e deixarnos caer polas vilas e zonas da Ribeira Sacra que non vimos desta volta.




Comentarios