A vida é unha inmensa bóla de lume

(que pasa por riba de nós)

Non hai moito do meu anterior artigo e volvo recuncar neste blog que non remato de sentir parte de min. Laiábame do duro que é ter que aturar á familia no nadal, do patética que é a humanidade cos seus ventres preñados de bolsas de Inditex paseando polas principais rúas comerciais, do efecto vampírico das grandes superficies e os seus días negros (nunca mellor dito) sobre o pequeno comercio (autónomos que, dun xeito ou outro, remataremos sendo todos e, se non, ao tempo).

Cándido, son un cándido. Sempre. Toda a miña vida o fun e agora, a estas alturas, non ía mudar de vicios (os vicios, coma o do tabaco, pódense conxelar, mais non facer desaparecer). Cándido e inocente, preocupado polas preocupacións que o mundo no que vivo teima en que me preocupe.

Hai seis días que o noso 'pequecho', o noso gato (Poe), caeu pola ventá. Nunca foi o máis atlético, nin o máis áxil, talvez nin o máis estilizado e fermoso dos felinos, mais era/é Poe. Rebentou contra o cemento, partiu a súa pata esquerda por milleiros de lugares descoñecidos para quen non estudase o que se estuda para coñecer os ósos coma quen fala das prazas e rúas da cidade. Rebentou. E nós con el. E cando el rebentou, nós coñecemos algo que nos sacou da nosa mundana (e omnipresente) humanidade, coñecemos o que era loitar por sobrevivir (por que el sobrevivise).

Aínda estamos a loitar. Despois de escoitar os seus pulmóns anegados de sangue e sentir bater o seu corazón descolocado nas nosas mans, despois de ter que lle amputar a pata e velo remexerse co seu membro inexistente en busca dos nosos mimos, igual que hai sete días, como se non pasase nada, como se o agasallo de seguir vivo fose máis que dabondo.

A vida. Moitas veces perdemos de vista o concepto básico, malia que a vivimos (non nos queda outra se non queremos morrer). A vida está para defendela dun xeito que a nosa sociedade acomodada e anestesiada non é quen de comprender. Só chegamos a albiscar un mínimo indicio do que é a vida cando estamos en situacións 'críticas'. O malo é o de sempre. O malo somos nós e a nosa capacidade (desmesurada) de adaptación. Unha vez que deixamos atrás o trauma, reseteamos, reseteámonos e todo volve ao placebo inicial...

Comentarios