Balance previo á fin doutro ano


Non sei vós, mais eu sempre preciso de ter unha luz ao final do camiño, un punto luminoso que marque unha especie de meta, unha sorte de destino.

Está preto o final do ano, dese momento que nos lembra que o noso tempo é finito e que, aínda que non nos decatemos, non deixa de correr, non paramos de gastalo.

Nestas datas sempre se me dá por facer balance, por lembrar se este ano que gastei pagou a pena. E, en liñas xerais, non estivo nada mal.

Recuperei os dereitos de dúas novelas (Negruña e Hostal Norte) ás que, algún día, darei unha nova vida, editei a miña primeira novela con Galaxia, merquei unha Bonneville, mantívenme sen fumar, adelgacei dez quilos, perdín un pouco máis a cordura, superei a crise de deixar de escribir (polo de agora), retomei a cámara de fotos e comecei coa revisión dunha das novelas que tiña gardadas no caixón.

Coñecín xente nova, algunha dela fascinante, outra encantadora, desa que queres conservar entre as túas amizades. Conseguín afastarme da xente que me resultaba tóxica (iso, ás veces, é case máis importante que a incorporación das novas amizades) e a familia aínda non me mandou á... Así que, tamén, resultado positivo.

Quedan por diante semanas complicadas. Para un ateo coma min, o postureo do nadal xúntase co peso insoportable da páxina que toca pasar e férveme o sangue á mínima oportunidade. Antes caerá o Culturgal, ao que volveremos coa caseta de Contos Estraños un ano máis. Pero quedan por diante semanas complicadas, iso non o compensa nada.

Se non nos vemos até o ano que vén, deséxovos uns días o máis tranquilos posible e que o voso balance sexa tan 'positivo' coma o meu.



Comentarios