Benvido outono, despois dunha longa primavera e antes dun decembro infinito

Cabo Ortegal visto desde Loiba
Sempre o digo, sempre que se me dá por escribir algo nesta bitácora comezo coa mesma canción, mais é certo. Os tempos entre publicación e publicación neste blog son longos e anárquicos, igual ca vida real. En calquera caso, por máis que gañen a partida os baleiros existentes aos textos que o enchen, sigo a pensar que é necesario, que que sería do Duncan se un día fechan (oxalá) todas as redes sociais e con elas morren todos os testemuños gráficos e escritos da miña existencia público-literaria. Pois por iso, alá imos cun novo status quo.

O recendo a primavera que desprende Mnemea (como adorei a presentación de onte de Pilar García Rego no Zigzag Diario) espallouse desde a súa publicación até onte mesmo, até a miña primeira vez nun plató de televisión. Entre tanto, aconteceron bastantes cousas (mais antes o meu autobombo do momento de gloria televisivo: Zigzag Diario)

Continuei coa miña aprendizaxe (e escusa para saír, ver lugares fermosos e descubrir unha teima descoñecida até o de agora que consiste en subir por rochas e penedos sen medo á morte) da fotografía, cada vez gusto máis dela e do milagre de capturar esa imaxe que entra polos ollos e que só existe nas nosas mentes.

Tiven tamén a inmensa honra de colaborar cun pequeno poema no disco que está a gravar o meu grande amigo José Luis do Pico Orjais (que vou dicir, unha canción fermosa até extasiar) e participar no aniversario do Diagonismos, un evento que ten lugar todos os últimos domingos de mes no Pelirroja Merchi e que mestura poesía, música e grandes artistas nunha actuación de máis de dúas horas.

Montse Dopico fíxome unha entrevista en Praza.gal que foi, sen dúbida, o mellor traballo xornalístico que tratou sobre a miña breve experiencia literaria. Para que quede rexistrado na bitácora, aquí está:

Entre tanto, estou a coordinar a sección literaria do Festival Internacional de Cine e Banda deseñada de Vilagarcía de Arousa (o Curtas) que este ano, por vez primeira, terá unha serie de actividades, faladoiros e presentacións ao redor da literatura fantástica que se está a facer no noso país. Contarei con convidados como Francisco Castro, Maite Mosconi, Fernando M. Cimadevila, Álex Mene, Xan Eguía, Tomás Rivera ou Vanesa Santiago. Xente e proxectos marabillosos, que tentaremos facer brillar e que cheguen á xente (tanto á que é seareira da literatura fantástica como á que non), malia que o propio festival tente facernos unha competencia de luxo cunha exposición de Harry Potter ou co creador de V de Vendetta...

Despois desta longa primavera, o outono preséntase perfecto para revisar o meu 'Convoi da lúa nova', para darlle a última reescrita antes de enviala o vindeiro ano á editorial e ver se gustan dela e teño a sorte de volver publicar outra filla de papel.

E chegará Decembro, o mes e a obra. 'O derradeiro decembro infinito' está cada vez máis preto. O texto xa está maquetado, a cuberta deseñada, a música gravada e postproducida, o libro a piques de entrar no prelo e as cancións dispostas para tomar forma nos sucos dixitais dos cds. Foi un longo camiño, de moito traballo, de moitos gastos e de moitas esperanzas. Esperemos que os soños de Carla López e mais os meus se cheguen a facer realidade ou, se non o fan, que, polo menos, nos animen a seguir soñando.

Comentarios