Ás portas do outeiro



Corría o mes de febreiro de 2017 e xa tiñamos o deseño da capa (do mestre José María Picón como viña sendo habitual), o texto revisado, maquetaxe feita e mesmo data para a impresión. Iamos nunha carreira contra o tempo, como tamén viña sendo habitual, para ter o libro preparado para o evento co que festexariamos o meu aniversario e a nova publicación.
En menos dunha semana mudaron moitas cousas. A impresión do libro paralizouse, propuxéronse cambios de última hora e eu entrei nunha treboada de xenreira, decepción e negación. Determinei que a paralización sería eterna (polo menos con esa editorial) e retireilles tamén as outras dúas novelas miñas que estaban a comercializar, sen contrato de edición en vigor, só por unha amizade que nese momento rachei.
Decembro nunca deixou de existir, sempre se resistiu a desaparecer.
Despois de pasar por un club de lectura furtivo e recibir varias revisións, tivo a sorte de caer nas mans de Carla López. Ela, desde a súa sensibilidade de artista, non só non percibiu todo aquilo do que se acusaba ao texto, senón que, ademais, decidiu elevalo ao nivel de peza de arte ao imaxinar toda unha banda sonora ao seu redor. A historia do home solitario tamén viaxou a Madrid, para que soubese dela Elba Fernández e puidese deseñar unha nova capa, unhas novas imaxes para o solitario e mais a súa nai. Iago Mourinho levou ao piano as composicións de Carla e Paul Álvarez creou o ambiente perfecto para eses sons na súa mesa de mestura e produción.
Hoxe chegaron os libros e dentro de pouco irá o master-cd á fábrica da música e copiarano e duplicarano, tantas veces como precisemos para encher os libros que gardamos nas caixas.
Estamos ás portas do outeiro. A primeiros de decembro abrirémolas para dar saída a unha tiraxe limitada de 100 copias. Se houbese almas dabondo, o ano que vén sairán 100 máis.
Talvez non era o destino que soñaba para esta historia, nin esperaba chegar a tan pouca xente, mais o que si é certo é que colleu unha dimensión que non podía imaxinar.

Comentarios