Imaxes soltas
Foi unha fin de semana de imaxes soltas, de visións que conforman un todo, de fotogramas que, coa chegada do luns, cobran movemento e constrúen un filme do que vivimos o sábado e o domingo.
Visitamos a Praza de Azcárraga para botarlle unha ollada á segunda edición do Festival de Fotografía da Coruña (Ffoco) e ver os libros e os traballos que alí se expoñían. Tomamos un vermú con Artemisa e cruzámonos en máis dunha ocasión con Roi. Baixamos até as Galerías San Agustín que estaban de rastro e tomamos un café no Universal. Volvemos á cidade vella e fixemos tempo até as nove para visitar aos amigos do Etnika's, que fechaban este sábado.
O domingo baixamos a Pontevedra, a un xantar de 'traballo' cos compañeiros de Contos Estraños. Terraceamos ao sol, mentres pensabamos as novidades que imos levar ao Culturgal deste ano e pasamos o día en familia, xogando coa pelota de tenis co pequeno Fer e subindo e baixando rúas de pedra na compaña das miñas dúas compañeiras. Dentro de dúas semanas chega o Curtas a Vilagarcía e por alí andaremos para falar de fantasía épica e presentando o libro de relatos do que fomos parte do xurado.
Comentarios
Un abrazo! Y que sigan tus maravillosas vivencias!
Ola, Mónica! Pois, por desgraza, as fotos do Étnikas non había por onde collelas. Con pouca iluminación e bastante (por non dicir moi) desenfocadas. Teremos que esperar a coincidir todos de novo para facer outra sesión fotográfica ;-)