Que vivan as fotos!


A miña relación coa fotografía vén de moi atrás (non por ser un excelso fotógrafo, senón por estar rodeado de cámaras). A primeira foi unha Praktica dos 70, propiedade do meu pai e que eu aínda conservo, nun lugar destacado no noso estante branco de Ikea. O meu contacto con ela foi nulo, só vin as fotos das que meu pai presumía no álbum que relataba a súa volta ao mundo cando navegaba coa navieira de Noruega (álbum que nunca saberei se retratou el ou se o conseguiu por outros medios). Despois diso, e tras unha pausa de máis de dez anos, caeron unha Sony, unha Nikon, un Nokia n73 (si, vouno considerar como cámara nesta lembranza) e, agora, unha Canon 100D (ou da familia Rebel, segundo busquedes).

Quero destacar, antes de que saian superdotados de debaixo das pedras, que son un mero afeccionado. Gusto (gozo) de retratar o que me rodea do xeito que eu o vexo. Talvez por esa razón (e moitas outras) mudei o obxectivo de serie da Canon por un Pancake que adoro. Pequeno e que me dá desde un 2.8 até un 20 e pico (que nunca uso). O único malo é que non ten estabilizador de imaxe e iso xúntase ás cervexas e a que non levo trípode (terei que comezar a usar o trípode flexible-portátil que me deu o meu compadre).

Ben, ao que ía. Hoxe foi o meu primeiro día en disparar un RAW (si, xa, é o que hai). E non só iso. Despois de ter instalado o Darktable en Linux, en Mac e, de volta, en Linux, hoxe foi a primeira vez que o usei (axudado por cursos online, por suposto). 

Se gustades do software libre, de Linux e das fotos non podedes deixar pasar este fantástico (aínda que, por momentos, un chisco Pajaresco/Estesero) curso de Darktable....

Manual Darktable

Comentarios