A fotografía vai afianzándose


Isto que vedes arriba é a captura de pantalla da miña conta de 500px (https://500px.com/xoseduncan). Para quen non saiba que é iso, dicirvos que é unha rede social de fotógrafos, tanto afeccionados como profesionais. Xa vedes, por se non chegasen as redes sociais nas que ando metido, vou e abro unha conta noutra máis. Na miña descarga direi que se o Instagran non fose tan inútil coa calidade das fotos que se suben a el, tería quedado con el. Sinceramente, fartei de ver escaralladas fotos e máis fotos, sen importar que fosen de cor ou de branco e negro. Indiscriminadamente todas elas padecían dunha deturpación extrema.

Á marxe do patetismo de Instagram, podo estar contento do xeito en que vai evolucionando a miña técnica fotográfica. Tamén é certo que a mellora é a base de horas e horas de cursos de fotografía vía Youtube, días e días de práctica e, en certa medida, polo cambio de cámara. Estaba moi contento coa miña Canon EOS 100D, pero a Fuji X-T20 é unha gozada e, ademais, fórzame a estar atento a todas as configuracións e anímame a usar o método máis manual posible en cada toma.

Comentaba o outro día cunha amiga que a literatura é un coito no que tes que contentar á outra parte e que a fotografía é máis coma unha masturbación, un pracer máis íntimo e particular, talvez non tan pleno, pero si moito máis tranquilo e satisfactorio.

Non sei por onde me levará este novo camiño. O que si teño claro é que gozamos máis do aire libre e de paseos por lugares onde a cámara obriga a mirar con outros ollos, a buscar novos horizontes.

Comentarios