Status Quo


Pois foron pasando algunhas cousas desde a miña última visita a este o meu blog.

Por unha banda, continuei aprendendo a arte da fotografía e a empregala como escusa para camiñar e gozar de lugares fermosos e do aire libre (que non é que sexa un aire mellor nin máis libre, pero si que é diferente do que respiras todos os días entre as catro paredes que son o teu traballo). Anoteime nun foro de Fujistas (si, os que lle damos á fotografía tamén somos clasistas e marquistas, que carallo) e abrín unha conta (xa perdín a idem de cantas redes sociais teño abertas) en Flickr. Non pensedes que foi capricho tolo dunha noite de birras, non, basicamente é porque respecta moito máis a calidade das imaxes que o 500px. Esta que vedes aquí é a miña galería actual: Galería do Duncan en Flickr.

Por outra banda, a miña vida literaria vai calma, pero segue viva. Deixei a coordinación da revista Contos Estraños, revisei por millonésima vez o texto de O derradeiro decembro infinito (o proxecto do libro-cd con Mielitza continúa adiante e xa está mediada a gravación da música) e este mes verei publicada a miña nova novela, Mnemea, con Galaxia. Se iso fose pouco, este xoves 16 de maio distribuiranse 30.000 exemplares en todos os Gadis dun libro colectivo no que tiven a sorte de participar cun relato.

Si, a vida vai aos poucos, pero vai.

Deixo constancia, tamén, dunha recensión sobre Antelväri que fixo o meu compañeiro de viaxe nisto da escrita, Tomás Rivera, no seu blog Kindlegarten. Por se alguén a quere ler, aquí a tedes: Recensión de As lembranzas perdidas no lago Antelväri en Kindlegarten.

Vémonos na próxima ;-)

Comentarios