Primeira expo fotográfica



Este mes de novembro foi realmente estraño. Malia ser o limiar da saída do libro-cd 'O derradeiro decembro infinito' (do que xa falaremos máis adiante), a verdadeira protagonista foi a fotografía. Cando comecei, en serio, coa práctica fotográfica e a aprendizaxe do revelado dixital de ficheiros RAW, marqueime dúas metas. A primeira era chegar a 'colocar' algún ano unha imaxe miña no calendario que publica o Concello da Coruña e, a outra, xuntar imaxes dabondo, con certa calidade, para poder montar unha exposición. Pois ben, sete meses despois tiven a inmensa sorte de acadar ambas as dúas metas.

O meu anxo de pedra do cemiterio de Santo Amaro será a imaxe do mes de novembro do calendario 2020 do Concello da Coruña e o que tedes enriba deste texto é a escolla das quince fotografías que conformarán a miña primeira exposición, 'Disparando ao ceo'. De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: O faro pequeno de Mera, Solpor en Cabo Ortegal, Face de pedra na 'Casa Rey', Igrexa en Mota del Marqués, Montes de Veiga de Valcarce, Lúa chea sobre a ría de Arousa, Street Games na Coruña (1 e 2), Barcos no porto, Praia do Orzán, Noite no campo de Menhires, Faro de Illa Pancha, Elefante da rúa Orzán, Cantís de Loiba e Ceo gris sobre o Parrote.

Isto de imprimir fotografías é toda unha aventura. Por unha banda, debo recoñecelo, recupera o gusto polo clásico. Velas en papel é un subidón, nada que ver coa sobredose de fotos que ateigan as redes sociais e que, dalgún xeito, saturan a nosa fame multimedia e fannos crer que calquera móbil saca boas fotos (anímovos, por favor, a que as imprimades en 30x40cms). Despois, o máis complicado (polo que ten de fraxilidade emocional) é acadar un bo resultado impreso, ou, cando menos, que sea o máis fiel posíbel ao que te esforzaches por crear no software de revelado. Eu non me podo queixar. O traballo en plotter que fixo a xente de Sutega foi moi bo. E os marcos brancos do Ikea axudan a fechar un resultado case perfecto.

Xa lle teño escaparate a estas quince imaxes. De feito, dous escaparates. O máis inmediato será o Café Universal, no que montaremos a expo o luns 2 de decembro e onde farei un pequeno evento inaugural o martes 3, ao redor das oito e media da tarde, para explicar a alma de cada unha das instantáneas a quen se queira achegar. Despois, xa cara a febreiro ou marzo, moverémola até a Caneca Furada, fogar de fotógrafos e de boa cervexa.

A vida segue, fotograma a fotograma, mentres se achegan máis tempos de libros por publicar.

Comentarios