Feira do Libro de Rianxo 2018


O noso paso pola Feira do Libro de Rianxo deste ano foi bastante, por non dicir moi, express. Só lle adicamos o sábado pola mañá, mais, aínda así, penso que a visita foi moi interesante e produtiva. En canto á feira en si mesma, non podo dicir que haxa demasiados cambios ou novidades. De feito, ao ter que se cancelar o Día da Xouba e non contar con actividades complementarias por parte do Concello, as dúas horas da mañá non tiveron máis actos cá presentación do libro de Maite Mosconi e o meu. Se a iso lle sumamos que as festas de Taragoña ofrecían toda a fin de semana auto-cross, foliadas, xantares populares e, por suposto, verbena, o único atractivo que contaba a feira para atraer a xente eran as casetas que, coma sempre, funcionaban coma meros postos de venda (aínda que algunhas contaban con faladoiros e sinaturas de diferentes autoras e autores).

Non quero dicir con isto que non me pareza que nós non sexamos atracción dabondo, mais eu sempre gusto de ver unha festa dos libros chea de interacción entre a xente asistente e os axentes promotores do libro. A miña idea utópica non é só ver unha feira ateigada de público, senón que ese público sexa parte activa do evento e que o seu paseo sexa máis diferente ao que podería ser un paseo por diante dos andeis do Fnac.

Comentaba antes que a nosa visita foi interesante e produtiva porque volvín coincidir coa xente do Concello que, ano tras ano, dá pulo e visibilidade ao nutrido grupo de veciños que, nunha faceta ou noutra, adica parte da súa vida á arte. Non só foi unha mañá de reencontros, tamén coñecemos en persoa a Pepa e a Teresa, dúas activistas culturais que tanto xestionan un club de artesanía como coordinan un grupo de lectura. E, por se todas as conversas que mantivemos dentro da caseta das presentacións non pagasen xa a pena, tiven o inmenso pracer de coñecer a Maite Mosconi. Esta creadora de Asados traía debaixo do brazo o seu primeiro libro, Gaedheal, Libro 1 de las invasiones, unha viaxe fantástica pola orixe dos pobos celtas, unha historia chea de bruxas, druídas e guerreiros.

A presentación, ao manter a fórmula de presentación dobre que en Rianxo xa proporcionou bos resultados no pasado, deu tempo para todo. Eu falei de Antelväri, Maite de Gaedheal e os dous expuxemos o noso parecer sobre o libro dixital, a autoedición e o que significa ter que implicarse en todas as facetas creativas, produtivas e comerciais do ciclo de vida dun libro.

En resumo, unha feira que mantén certos puntos a mellorar e que, para min, sempre ten un factor de amizade e de carga emocional moi intenso. En 16 días toca unha nova cita na Feira da Coruña.

Comentarios