Feiras do libro 2018

A miña relación coas Feiras do Libro, durante estes cinco anos en que me adiquei a pretender ser escritor, tivo centos de fases, como se se tratase da relación cunha persoa de carne e óso. Comezaron sendo unha meta, un espazo onde só tiñan oco os escritores de verdade, eses seres bohemios, cultos e cheos de glamour que sempre me pareceron doutra galaxia. Na miña candidez inicial (penso que agora xa a superei) soñaba con poder falar das miñas criaturas á beira desa xente que constituía a maquinaria creativa das nosas letras. Facendo memoria, se son sincero, nunca me sentín parte dese colectivo. Nin por calidade (a miña falta de), nin por afinidade (finalmente, despois de múltiples tentativas miñas de trabar amizade con algúns deles, concluín que o noso único parentesco é escribir en galego).

Despois deses comezos tan inocentes, e tras acadar algún oco grazas ao apoio dalgunhas librarías e de Tomás e Fernando, convertéronse nunha especie de reto persoal. Era case unha obriga estar nalgunha delas. Se non o estaba, se non aparecía polo menos nunha, semellábame que ese ano fora un fracaso, que ninguén repararía na novela que escribira. Pouco sabía eu daquela que, agás para as grandes figuras, presentar nunha feira do libro non significaba gran cousa para alguén da miña categoría (segunda rexional) en canto a número de ventas e lectores adicionais aos que chegabas grazas á feira.

Agora, na 'tranquilidade' da madurez (substantivo gañado polos anos que teño, non polo meu equilibrio psíquico), son case como unha festa que sabes que está a ter lugar e que acontecerá contigo ou sen ti, mais que te fai sentir un chisco querido cando alguén se lembra de ti e te convida a ir.

Así que, despois de amores e desamores, de encontros e anoxos, de decepcións e comprensións, no ano en que estou a reflexionar sobre o camiño que seguirá a miña escrita, teño a sorte de poder ir falar da miña última paranoia a Rianxo (o meu berce) e á Coruña (o meu fogar). A primeira será o sábado 21 ás 13:00 do mediodía e compartirei a presentación con outra rianxeira, Maite Mosconi, que levará baixo o brazo o seu primeiro libro de fantasía épica. A segunda cita será en Agosto, mais aínda non ten data e xa vos falarei dela máis adiante.

Comentarios