Paseo polo tellado da Coruña


Hoxe foi día de paseo. Subimos ao Monte de San Pedro, dando un pequeno rodeo polo Portiño e facendo alí unha parada técnica para sacar algunhas fotos. Calma total tinxida de azuis e salpicada da humidade marrón da marea baixa. Silencio absoluto pola ausencia de xente e coches.

O paseo polo Monte de San Pedro non defraudou. Non aporta nada, mais é relaxante. Non me entendades mal, aporta bastantes atractivos para a xente que o visite por vez primeira. Ten un labirinto onde é imposible perderse, un restaurante que, ademais de ser de luxo, está fechado, uns canóns enormes que non funcionan, un estanque de parrulos sen parrulos, unha expo-cúpula que semella un microondas para xigantes e outeiros e máis outeiros de herba. Como podedes imaxinar, unha vez que gocedes de todos eses atractivos, co que vos quedades é co relaxing-walk-á-beira-do-mar e cos outeiros.

Aínda así, quizais por estarmos saturados da nosa visión a pé de rúa, eu sempre pasmo durante uns minutos coa imaxe da cidade desde as alturas. Para min é coma unha mostaza con mel. Por unha banda, case non a recoñezo con esas moles de edificios erguéndose onde non había máis ca monte, ocupando eses camiños ateigados de silvas que cruzabamos de cativos para ir xogar ao fútbol ao Calasanz. Pola outra, se cravo a vista na Ronda de Outeiro, semella que non mudou nada en corenta anos, que o tempo se detivo nesta cidade grazas ás barreiras naturais (e empresariais) que impiden que medre, que lle devoran o espazo polo que podería estirar o seu corpo encollido e retorto ao redor da Torre de Hércules.

Comentarios