O derradeiro decembro infinito no Monty


Chega un momento no que escribir aquí semella inútil. Si, xa sei que pensaredes que estou a caer na miña depresión constante (e promocional), mais... hoxe, non é así ;-)

Hoxe foi brutal. Xa, si, claro. Haberá xente máis mainstream que o pete e que vaia facer cultura galega polo mundo adiante. Nós somos así, facemos cultura non só no país, senón na Coruña (a localistas non nos gaña ninguén).

Hoxe presentamos 'O derradeiro decembro infinito' no Monty, marabilloso espazo conquistado por familias pseudo-modernas, ás veces tirando a maleducadas (do que non ten culpa o local).

Aquí daría para un diálogo interesante (se algunha xente fose quen de dialogar).... se a culpa é deles por falar nuns decibelios máis poderosos ca dous teclados (e mesa de son) ou se a culpa é de nós de ir facer cultura a un bar... hai debate, eh?

Por onde iamos... ah, si... hoxe foi brutal.

Grazas a vós por vir, ao Ramón do Monty por deixarnos o local, aos traballadores do Monty por tratarnos tan, tan ben, a Iago por ser un mago dos teclados e... sobre todo, por riba de todo, a Carla... Si, ela pode argumentar que "só" fixo a música dunha historia que eu parín, mais eu podo argumentar que eu só son un esquizofrénico-paranoide que tivo a sorte de atopar alguén que soubo ver/percibir o que quería contar.

Debedes saber que hoxe fixemos (creamos) algo espectacular. Se hai dez anos me din que ía ter a sorte de contar cunha parella de músicos deste nivel para facer un libro-disco...  Algún día a miña vida rematará, apagareime coma calquera de vós, mais terei a sorte de levarme memorias coma esta ao alén.

Comentarios