Chega unha nova fin para dar paso a un novo comezo


A fotografía tira cada vez máis de min. Talvez sexa porque a sinto máis persoal e íntima cá escrita, que precisa sempre de alguén que a lea para que o acto sexa completo e consumado. Tamén é certo que o control que teño sobre a linguaxe fotográfica é moito maior e que lle adiquei moito máis tempo de estudo e preparación que o que fixen coa escrita. Aínda así, non deixa de ter o seu aquel que, xusto cando mellor estou a escribir, decida ralentizar a miña produción literaria. Si, non deixa de ter o seu aquel que, xusto cando mellor estou a escribir, a crítica sistémica cargue máis (e con máis ferocidade) contra min e a miña obra (proba irrefutábel de que o sistema literario galego non é o meu hábitat natural e que os meus lectores tampouco están nel).

Remata outro ano, pasa ante os meus ollos unha nova oportunidade perdida de mellorar canto hai de mellorábel en min e está a piques de chegar outro anaco de tempo cargado de promesas que ben sei que non cumprirá. En calquera caso, diso vai a vida, non? De ver como as augas do noso río mudan de calmas a axitadas, de axitadas a calmas, e se aproximan, cada vez máis, ao mar onde remataremos por esvaecer.

Chega o tempo de desexarme todo o mellor, de poñer máis distancia (a ver se desta vez vai) coas redes sociais e optimizar o uso dos meus momentos e dos meus esforzos. A bo seguro que o truco non está en canto nos esforzamos, senón en como o facemos.

Deséxovos tamén a vós, visitantes invisíbeis do meu fogar virtual, que esta nova volta arredor do sol sexa plácida e que só a interrumpan os xustos e contados días malos que sempre ten que haber. Que o vindeiro ano continuemos a vernos, lernos e atoparnos.

Comentarios