Tabula rasa


Case dous anos desde a última vez que escribín por aquí e o que era frustración por que ninguén lese esta bitácora persoal, e que todo o mundo preferise as redes sociais, rematou por se converter en todo o contrario, no meu fastío e saturación polo uso deses escenarios virtuais nos que todos nos cremos os protagonistas.


Retomo este meu caderno e fágoo como o iniciei, sen o ánimo de que alguén o lea, só como a simple compilación das cousas que estean por vir (se é que o están) neste mundo ingrato e inútil da escrita.


Por ser un reinicio, non vou facer memoria de todo canto aconteceu desde ese outubro de 2016 en que está datada a publicación anterior. Quen queira saber do meu inferno particular, que pregunte por aí. A bo seguro que recibirá mil e unha versións (a cada cal máis irreal e épica) do que foi a miña guerra particular por darlle dignidade á literatura fantástica para adultos nun biosistema que dá as súas derradeiras rabexadas. A agonía, sobre todo se é longa, nunca é boa e sempre saca o peor de cada un.


Só destacar, neste novo día cero, a publicación de ‘As lembranzas perdidas no lago Antelväri’ e o comezo dun Verkami que está a ter lugar neste mesmo intre (no que escribo este artigo) para ver de acadar os cartos necesarios para publicar o libro-cd de ‘O derradeiro decembro infinito’ coa música de Mielitza e a arte de Elba Fernández.


Máis unha vez, se vos pica a curiosidade (ademais de rascarvos), podedes buscar por este mar sen fondo que é Internet.


O dito, sen prazos, sen présa e sen pausa, preparo o salto das redes sociais ao fogar cibernético.

Comentarios

Xosé R. dixo…
Pois por aquí nos leremos, Duncan!
Eu tamén sinto que o meu blog é o meu recuncho no que entran as persoas amigas e o facebook ou o twiter son como as prazas nas que podes coincidir con todo tipo de persoas.
Un saúdo