'Free' Riders en Miño


Quen teña moto (e guste de andar nela) sabe que é máis un sentimento ca un acto de desprazamento nun vehículo de tracción a motor. Poderiamos dicir que case é un xeito de vida (digo case porque, salvo contadas excepcións, é máis un xeito de pasar o tempo de ocio). O importante en realidade é que case todos nós (eu, cos anos, cada vez menos) gustamos de sentirnos parte dun colectivo (o da xente que lle gustan as motos) e, ademais, gustamos de comportarnos coma un grupo discordante e diferente do resto da sociedade. Pois ben, hoxe descubrimos que todo iso ten un prezo.

Levábamos seguindo a convocatoria do 'Free' Riders (máis adiante entenderedes o das aspas) case tanto como a de Wheels and Waves e non sabiamos, até hoxe, o vencelladas que estaban ambas as dúas festas moteiras. O caso foi que decidimos pasar o sábado gozando dese evento que prometía unha chea de cousas para toda a xornada. Xa de entrada, antes de ir a Miño, o prezo pareceume excesivo, mais pensamos que se ía ser cousa de todo o día, por que non facer un exceso por unha vez no ano?

Vou tentar ser o máis obxectivo posible e, para iso, só darei datos.

O recinto abría ás 12:00. A mesma hora que a caseta para mercar as entradas e a mesma á que comezaba a ruta. Decidimos ir á ruta e, á volta, coller as entradas. Estivemos de volta en Miño ás dúas e collemos as entradas. Dúas entradas a 18 € cada unha. Segundo anunciaban no acceso ao recinto, había un posto para gardar o casco e a cazadora de moto. Preguntamos polo servizo en cuestión e custaba 6€ por cabeza. Obviamente cargamos coas cousas todo o día. Mercamos dúas cañas que tivemos que pagar con 'cartos especiais' do evento (igual que fixeron no Wheels and Waves). Aí deixamos 4€ máis polas dúas cañas. Como nos custou 36€ (os dous) entrar, pois xa decidimos comer e pasar todo o día alí. Gastamos 7,5€ máis cada un (15€) en dúas hamburguesas nun dos postos de comida. Desde as dúas do mediodía até as nove e media da tarde que marchamos para a casa, as únicas actividades que tivemos foron a carreira en círculos das motos de trial, unha presentación dunhas exposicións fotográficas e a música de ambiente dos DJ's (actividades de balde durante sete horas). O 'Muro da morte' dos franceses que non facían máis que anunciar a súa actuación cada dúas horas (quedamos até os .... da performance coa que anunciaban a actuación) era un evento de pago, que duraba 15 minutos e que custaba 5€ (que estaría moi ben, non o sei, pero eran 15 minutos e custaba 5€). Os concertos comezaron ás nove, media hora antes de que marchásemos e despois de gastar outros 4€ en outras dúas cañas e outros 12€ nuns nachos e un bocata.

Segundo comentou xente que tamén fora ao Wheels and Waves este ano, case todos os postos e casetas (ademais dos franceses) estiveran alá tamén. Iso deixounos a reflexión que este evento non é tan local e familiar como parece e trae á memoria aquel comezo, tan atrás no tempo, cando as Feiras Medievais eran unha novidade, algo especial e diferente que, cos anos, rematou por converterse nunha especie de franquicia repetitiva e que vista unha, vistas todas.

Non sei, moita moto e coche clásico e customizado, mais nada que non vísemos na concentración de Boiro xa hai anos (circuíto de trial incluído) e sen ter que pagar por nada que non quixésemos mercar. Supoño que para a xente que estea a chegar agora a Miño e que deixe os 18€ para asistir aos catro concertos que haberá esta noite, talvez lle compense. A nós, que queriamos pasar un día de festa moteira, non nos pareceu nin tanta festa nin tan 'free'.

Comentarios