Jazz no 'Bar do Escocés'


Hai moitos anos (tantos que case non lembro cantos) entrei nun garito que me capturou de inmediato pola música que soaba nel. Creo que foi o primeiro local no que escoitei jazz. Daquela, a única diversidade musical que coñecía nas miñas saídas ían desde o pop insoportable dos oitenta até os catro ou cinco locais que pinchaban heavy (pasando por aquela moda horrible do rockabilly, que o tempo e os deuses tiveron a ben mudar a psicobilly). Faltaban anos aínda para que, temporalmente, funcionase a Terraza Jazz de Sada e as novas xeracións de hostaleiros abrisen unha diversidade máis ampla, imprimindo a súa propia personalidade nos garitos e deixándose de crear copia tras copia de tascas e cervexarías 'alemás'.

Onte volvemos ao Jazz Filloa. Quen coñeza algo da miña obra (e teña aturado os meus spoilers nas presentacións) saberá que é o Bar do Escocés en Negruña, así que, se perdestes algo do voso tempo nesa novela, vos faredes unha idea de como é ese lugar tan particular e persoal. Preguntarédesvos o porqué de tardar tanto en regresar se tan especial é para min. Ben, supoño que a vida, os horarios de traballo e a capacidade limitada de tempo (e pasta) de ocio provocaron que as nosas órbitas non se achegasen tanto como eu gustaría.

Mais onte volvemos, si, e foi para ver a actuación do compañeiro e amigo Pablo Sanmamed (en realidade, a actuación era do dúo Alfredo García + Pablo Sanmamed). O Pablo é outro deses músicos máxicos que tivemos a sorte de coñecer durante estes últimos anos. Non deixa de ser curioso (e terrible) que, polo mero feito de asistir a uns concertos de xeito máis o menos repetitivo, acabes facéndote amigo dos músicos. Digo o de terrible porque iso dá unha idea aproximada da cantidade ridícula de xente que vai aos concertos. En todo caso, o importante é que aumentamos o noso (cada vez máis reducido) círculo de amizades con verdadeiro talento artístico e iso sempre, sempre, é moi positivo, tanto polo da amizade como polo que aportan de inspiración e aprendizaxe.

Que dicir da actuación? Pois que o formato de guitarra e contrabaixo permite escoitar e apreciar cada pequeno matiz, cada nota, e que as composicións (propias e interpretacións) soaron caralludamente ben. Estiveron fantásticos. Era a primeira vez que escoitabamos a Alfredo e foi unha auténtica sorpresa. O de Pablo xa é vicio, non lembro ver unha mala actuación del.

Comentarios