Mordem no Noroeste PopRock


Quen coñeza a Elba Fernández sabe que é un ser máxico, unha delicada esencia que arrecende coma a máis intensa das primaveras. Talvez é iso o primeiro que chama a atención cando se asiste a un concerto de Mordem, esa timidez que se contaxia ao público e que converte o aplauso nun acto case reverencial. Mais contra esa timidez choca o tren cargado de sons que é a súa voz.


Estás a poucos metros do escenario e déixaste enganar pola suavidade das melodías da guitarra e os teclados e a delicada percusión que só en contadas ocasións sube de intensidade (as mesmas ocasións nas que, por desgraza, o son das Bárbaras non estaba á altura dos músicos). Ese engano vai a máis a medida que a voz de Elba acariña as notas, só o xusto para collerte por sorpresa e baterte no peito cunha potencia vocal que xa quererían moitos produtos televisivos de consumo masivo.


Con ese baile de luces e sons non acabas de crer que sexa posible que soe case mellor que no disco, mais faino.

Este verán está a ser un verán de concertos e reafirma a miña idea de que é imposible vivir sen música.

Comentarios