Ruta na Bonnie até Ribadeo


Hoxe foi a primeira ruta decente que fixemos coa Bonnie: 360 kms en total. Saímos ás dez da mañá e, con parada para café en Vilalba, tiramos até A Veiga. Hoxe era máis Vegadeo ca nunca. Non as contei, mais había máis bandeiras españolas que cando aos barrios ben da Coruña se lles deu por apoiar o barco de Piolín (supoño que habería algún tipo de festexo nacionalista...). O único a destacar do camiño de ida é que a estrada nacional está bastante mal, tirando a peor, sobre todo o tramo que rodea Vilalba. Por sorte, o camiño de volta contou con mellor firme. Iso si, a xente, en xeral, conduce de p... pena. Así en xeral, mais merecen ser destacados tres colectivos. O dos papás post-chupito en familymóbil (estes, por razóns obvias, son especialmente perigosos despois da hora do xantar), o das mamás modernas, tamén en familymóbil, e o dos vellos que, a pesar de ir nun coche 'normal', conducen co modo tractor ON.

Saímos de A Veiga despois dunha birra rápida e un cachopo (máis rápido e pequeno se cabe) e fomos até Ribadeo. Bos aparcadoiros de moto, xusto na entrada da rúa peonil, e paseo polo centro. Fotos á Torre dos Moreno...

E paseo polas rúas que baixan ao ascensor (horrible de moderno, por certo) que sube desde o Náutico...


Despois de pasar revista aos postos que había nun mix de feira medieval + artesanía + queixos de asturianos, marchamos pasando por Foz e o Vicedo para chegar a Loiba. Vese que a limitación de visita ás Catedrais fai que se saturen os acantilados e había bastantes coches a primeira hora da tarde.

En calquera caso, as vistas da costa cantábrica nunca decepcionan e son un espectáculo do máis fermoso.

Sempre e cando as familias deixen de facer suicidios colectivos desde 'o mellor banco do mundo'...

Volta rápida con parada técnica en Fene e chegada á casa ás oito da tarde. O certo é que a estrada desde Loiba estaba en boas condicións e deixounos ganas de facer outra ruta para visitar Mañón e Espasande.

Comentarios